CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Entroido chega aos centros socioculturais con máis de 100 actividades

28/01/2013 A Concellería de Centros Socioculturais pon en marcha Vive o Entroido un amplo programa de actividades para o Entroido, que xa se veñen desenvolvendo dende o 22 de xaneiro e que continuarán ata o 23 de febreiro. Son máis de 100 actividades en toda a rede de centros e locais socioculturais, que este ano, ademais, participarán activamente no desfile do martes de Entroido e na queima do Meco.

O programa Vive o Entroido, presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, comprende diversas accións lúdicas e de preparación para a celebración das costumes propias do Entroido nos barrios e parroquias de Compostela. Preténdese favorecer tamén nestas datas o encontro veciñal e interxeracional.

Entre estas actividades, o edil salientou os máis de 80 obradoiros e sesións lúdicas: maquillaxe, cociña e receitas de Entroido, elaboración de máscaras e de mecos, decoración dos centros, receitas por Internet, busca e memoria das costumes do Entroido na rede, festas de disfraces e bailes de máscaras. Será unha boa oportunidade para coñecer as costumes do Entroido e elaborar produtos típicos desta celebración. Na difusión destas tradicións ocupará un lugar importante o espectáculo dos Xenerais da Ulla, un Entroido que se celebra en parroquias como Aríns, Marrozos ou O Eixo. As actividades son de balde, previa inscrición nos centros socioculturais.

Comparsas
Outra proposta destacada será a quedada sociocultural, isto é, a convocatoria para participar no desfile do martes de Entroido e no enterro do Meco. O obxectivo é a formación de comparsas. Xa hai máis de 200 persoas, procedentes de 19 centros socioculturais, que integrarán estes grupos de animación.

Teñen confirmada a súa participación a comparsa Os Superhéroes (formada por varios centros socioculturais, tanto do rural como dos barrios), a denominada Seres Mitolóxicos (do CSC de Conxo) e Legoantroido (comparsa do CSC do Castiñeiriño), así como a Comitiva de Viúvas e Viuvos, que acompañara ao Meco o mércores 13, saíndo tamén de centros coma os de Conxo, O Ensanche e Santa Marta.

Para participar é necesaria a inscrición nos centros socioculturais. A través dos obradoiros, daranse indicacións sobre o modo de confeccionar o disfrace – feito con materiais sinxelos e refugallo- e sobre normas de participación.

As receitas do Entroido
Finalmente, Francisco Noya referiuse tamén ao blog As receitas dos composteláns. Nos centros e locais socioculturais estanse a recoller receitas suxeridas polos usuarios que logo serán colgadas neste blog para que as poidan coñecer todos os veciños e veciñas.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: