CULTURA

Teatro del Temple presenta "Luces de Bohemia" dentro do ciclo Teatro & Danza

25/01/2013 Dentro da programación do ciclo Teatro & Danza, o domingo 27 poderemos ver Luces de Bohemia, de Ramón María del Valle-Inclán, posto sobre as táboas por Teatro del Temple. Será no Teatro Principal a partir das 20:00 horas. Con preto de 200 representacións e cunha extraordinaria acollida, Luces de Bohemia recibiu recentemente o Premio Valle Inclán outorgado pola Deputación de Pontevedra e foi nomeada aos premios MAX na categoría de "Mellor espectáculo revelación 2009".

Valle Inclán escribiu en 1920 un dos textos esenciais do noso teatro: Luces de Bohemia. Con el quedou inaugurada unha nova maneira de ver a realidade: o esperpento. Un renovado concepto estético, cuxa paternidade Valle atribúe a Goya, que el mesmo describe de maneira xenial nunha das últimas escenas da obra. Personaxes turbulentos e situacións grotescas sucédense ao longo dos dous días nos que o poeta cego Max Estrela, xunto co seu amigo Latino e o resto de personaxes nocturnos, pululan polo Madrid máis sórdido. Ao longo da noite, estes dous vagabundos van atopándose con todo o lumpen da cidade: delincuentes, prostitutas, proletarios mal pagos, policías, xornalistas, ministros... En definitiva, un microcosmos completo da sociedade da época de entón que non se distancia tanto da de agora.

Teatro del Temple pretende dar corpo escénico a este clásico contemporáneo, desvelando novas claves sen traizoar a súa esencia e proponse ser fiel ao texto profundando na súa esencia como xa fixo con Shakespeare, con Lope ou con Beckett. Optan por unha proposta espida, desposuída, que busca a esencia do discurso humano que brota, palmo a palmo, nesta baixada aos infernos. Xogar con Valle pero sen caer apenas nin no discurso costumista nin na estética modernista.

Despois de todo, este retrato deforme dunha época séguenos tocando, ademais de por os seus indubidables achados estéticos, por ser un reflexo brutal de nosa propia raíz como seres humanos.

As entradas están á venta na billeteira do Principal, aberta de 18:00 a 21:00 horas, e en Novagaliciabanco, tanto na web coma no teléfono 902 434 443. O prezo é de 18 €, 15 € no anfiteatro.

Compartir: