PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Cita para os maiores co baile nos centros socioculturais e na Casa das Asociacións

25/01/2013 A Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais organiza unha nova edición do programa Imos ao baile, dirixido fundamentalmente aos nosos maiores. Serán 27 bailes en 12 localizacións diferentes, que se desenvolverán ao longo de varios sábados do ano.

O programa enmárcase nas actividades en prol dun envellecemento activo programadas dende o Departamento, tal como apuntou o seu titular, Francisco Noya. Trátase dun programa de éxito, e de aí que nesta edición se incremente o número de bailes respecto a 2012 -cando se realizaran 22- con máis actuacións no rural. Estimou que participarán no programa unhas 2.700 persoas.

O calendario comprende 27 bailes durante os sábados dende febreiro ata decembro. Comezarán, salvo excepcións, ás 17:30 horas, e a entrada será de balde. Nove dos bailes celebraranse na Casa das Asociacións de Cornes e o resto en 11 centros socioculturais, entre os cales destaca a incorporación ao programa do novo Centro Sociocultural de Santa Marta, con dous bailes, e dos centros rurais de Figueiras, Nemenzo e Villestro. Os outros centros e locais que contarán con estas sesións serán os de: Vite, Conxo, A Gracia, Marrozos, Santa Cristina de Fecha, Meixonfrío e Casas Novas.

O gasto neste programa é de 13.910 euros, dos que 3.920 euros se corresponden cos gastos derivados das actuacións na Casa das Asociacións de Cornes (partida de Participación Cidadá) e 9.930 cos dos bailes nos locais (partida de Centros Socioculturais).

Beneficios para a saúde
Dende Centros Socioculturais explican que a programación dos 27 bailes con orquestra responde a unha constatada demanda recibida dende este sector da poboación e polos beneficios saudables que reporta, tanto físicos como psíquicos. Entre os primeiros, salienta a mellora da coordinación, o fortalecemento dos músculos –favorecendo a flexibilidade, a forza e a resistencia-, a mellora da saúde postural e os beneficios para o sistema cardiovascular, ao facilitar a circulación do sangue e o ton da pe, entre outros. Dende o punto de vista psíquico, o baile axuda á socialización, á relaxación e ao reforzamento da autoestima e da confianza.

A proposta pretende ser un convite a participar e gozar na compaña doutros veciños e veciñas de Compostela, no seo de espazos relacionais como son os centros socioculturais da zona urbana e das parroquias e a Casa da Asociacións de Cornes.

Documentos relacionados



Compartir: