DEPORTES

Adrián Varela reitera a aposta municipal por "proxectos deportivos sólidos" e pola "blindaxe do deporte base"

25/01/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, expresou en rolda de prensa a súa sorpresa e decepción ante a decisión de nove clubs da que compiten na Terceira División Autonómica de realizar folga. Neste sentido, explicou que estes clubs xa tiñan comprometida unha achega económica dun establecemento hostaleiro grazas ás xestións municipais, o 50% da cal van percibir este mesmo sábado.

Adrián Varela indicou que a decisión de acudir á folga parte de nove clubs que compiten na Terceira Autonómica, pero que na mesma tamén participan outros seis clubs da cidade que teñen categorías de base e que van seguir competindo. Neste punto, recordou que estes nove clubs quedaron fóra das subvencións de concorrencia competitiva a raíz dun cambio das bases, motivada porque dende o Departamento de Deportes se fai unha "aposta clara por blindar o deporte de base", apuntou.

Con este medida, engadiu,"non se trata de excluír", senón que "queremos xerar novos hábitos". "Se alguén quere crear un club debe ser consciente da situación económica e da situación de Compostela", dixo, poñendo algún exemplo de duplicación de clubs na cidade nos últimos anos e nas mesmas disciplinas.

Esta situación atópase con outra, como é a dispoñibilidade das instalacións municipais. Lembrou que Santiago conta con 21 instalacións municipais, polas que pasan 35.000 persoas todas as semanas. No caso dos clubs de fútbol, explicou que cada campo de fútbol está aberto 61 horas semanais.

Neste punto negou que se lle teñan negado horas de utilización das instalacións municipais a estes clubs. Ben ao contrario, denunciou o prexuízo que para outros clubs crea o feito de que, chegado o inverno, algúns destes equipos decidan non adestrarse ou o fagan con moi poucos xogadores.

Volvendo ás reunións mantidas con estes nove clubs, indicou que estes lle manifestaran a súas "dificultades de viabilidade" sen esas subvencións. A propósito disto, o concelleiro reiterou a aposta municipal por un cambio de modelo de xestión. "Os clubs deben ser tamén conscientes do actual escenario económico e teñen que trazar novas estratexias para captar recursos". Neste sentido, falou tamén da necesidade de "proxectos deportivos sólidos".

Malia isto, explicou, comprometeuse a facer as xestións necesarias para que algunha entidade privada da cidade puidera satisfacer esa cantidade deixada de percibir por subvencións, 10.800 euros (1.200 euros por cada club). Esta mesma semana, dixo, "comunicóuselles que percibirían dun restaurante a metade desa cantidade este mesmo sábado, 26 de xaneiro". A outra metade cobrarana a través da organización dun torneo. De aí a sorpresa do edil pola convocatoria de parón feita por eses nove clubs.

Adrián Varela quixo recordar tamén que o apoio a estes clubs e aos demais da cidade se materializa non só nesas subvencións, senón tamén en medidas como a de regular por primeira vez a instalación de publicidade ou o cobro de entradas, para que os equipos poidan xerar outro tipo de ingresos que axuden ao seu mantemento. Tamén se referiu ao esforzo económico que para o Concello supón manter a gratuidade das instalacións municipais.

Compartir: