TRANSPARENCIA

O Concello de Santiago mantén o seu nivel de transparencia malia a maior esixencia informativa do ITA 2012

25/01/2013 Vénse de publicar o Índice de Transparencia de los Ayuntamientos (ITA) 2012, elaborado pola organización Transparencia Internacional España e que mide o nivel de transparencia dos 110 maiores concellos de España. Este Índice situa a Santiago de Compostela no posto 50 e constata o mantemento dos niveis de transparencia do Concello, malia a maior esixencia informativa deste ITA 2012 respecto a edicións anteriores.

Na medición utilizouse un conxunto de 80 indicadores, divididos en seis áreas de transparencia. Unha novidade nesta edición do ITA é a incorporación dun conxunto de indicadores (área F) coa información que vai ser obrigatoria para todas as entidades públicas segundo o proxecto de Lei de Transparencia, o cal, por unha parte, elevou o nivel de esixencia informativa e, por outra parte, permite apreciar o nivel de preparación dos concellos respecto á información que lles vai a requirir a citada Lei, actualmente en tramitación parlamentaria.

A pesar desta maior dificultade, o Concello de Santiago mantén os seus niveis de transparencia. O consistorio compostelán obtén unha nota global de 80 puntos sobre 100.

Por áreas de transparencia, o Concello obtén as seguintes puntuacións:
- Información sobre a corporación municipal: 70,6
- Relación cos cidadáns e a sociedade: 86,6
- Transparencia económico-financeira: 92,9
- Transparencia nas contratacións de servizos: 75
- Transparencia en materias de urbanismo e obras públicas: 88,2
- Indicadores da nova Lei de Transparencia: 66,7

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: