TURISMO

Santiago de Compostela sumou 1.081.892 pernoctacións no ano 2012

23/01/2013 O turismo internacional obtivo os mellores datos da súa historia na cidade en 2012, con 425.636 pernoctacións, un crecemento do 13% respecto ao ano 2011. A demanda nacional viuse seriamente afectada pola crise española, provocando unha caída do 14% respecto do ano pasado.

Santiago de Compostela sumou 1.081.892 pernoctacións no ano 2012, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con esta cifra, o ano péchase cun descenso acumulado do 5,30% respecto do ano 2011. Non obstante, na lectura dos datos anuais pódense distinguir claramente dúas tendencias contrapostas.

Por unha banda, o turismo internacional alcanzou os mellores datos de pernoctacións da historia, superando claramente a barreira das 400.000 pernoctacións, con 425.636 e un crecemento do 13% respecto das cifras do ano 2011. Só nunha ocasión anterior a cidade superara a barreira das 400.000 pernoctacións. Foi no ano 2010, cando se chegou ás 406.877. Por outra banda, o turismo doméstico vivíu un periodo difícil pola crise económica do país, que está reducindo dun xeito moi importante as viaxes dos españois. Houbo 656.256 pernoctacións nacionais, que representan un descenso do 14% respecto das pernoctacións do 2011. Trátase do peor dato en turismo nacional da serie histórica do INE.

A subida do turismo internacional e o descenso do turismo nacional fixeron que a demanda turística da cidade modificase a súa estructura, tendo un maior peso o turismo internacional, que prácticamente supuxo o 40% da demanda da cidade. Nunca antes o turismo internacional representara unha porcentaxe tan elevada na demanda da cidade.

Dende Turismo de Santiago considérase que no 2013 o turismo nacional continuará vivindo unha situación complexa pola situación económica do país. Considérase tamén que hai que continuar apostando polo turismo internacional, co obxectivo de diversificar a orixe dos visitantes da cidade, que nos anos pasados era demasiado dependente da demanda española. Por este motivo, Turismo de Santiago aumentará neste ano 2013 a promoción internacional da cidade, reforzando os mercados tradicionais e apostando por mercados considerados oportunidades. Así, nesta mesma semana Turismo de Santiago participa por primeira vez na EMITT turca para promocionar a nova conexión aérea de Turkish Airlines que une Santiago e Estambul, ampliando a conectividade cos mercados asiáticos, e participa tamén por primeira vez na Holiday World Show irlandesa para promocionar a conexión aérea de Aer Lingus entre Santiago e Dublín, que este ano ampliará a súa duración en dous meses, de abril a outubro, e aumentará as súas frecuencias de tres a catro semanais nos meses centrais do verán.

Documentos relacionados



Compartir: