CULTURA

Noites de Retranca con Federico Pérez e Quico Cadaval dentro do ciclo Falabaratos

23/01/2013 Despois do espectáculo de Dani Mateo no Auditorio o pasado día 12, chega agora a segunda das citas deste ano co ciclo Falabaratos. Será o xoves 24 no Teatro Principal, ás 20:00 horas, coas Noites de Retranca de Federico Pérez e Quico Cadaval.

Federico Pérez presenta Ración de Breogán e Quico Cadaval O complexo de Edipo. As entradas, a 14 euros (12 euros no anfiteatro) poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de 18:00 a 21:00 horas ou en Novagaliciabanco (entradas.novagaliciabanco.es
ou 902 434 443).

Ración de Breogán, de Federico Pérez
Todo aquel mortal que ten a sorte de fundar un país convértese instantaneamente en deus e pasa a habitar no Olimpo. É o caso de Breogán, que, despois de dar a luz a Galicia, ocupa o seu lugar entre o resto de divindades. Desacougado polos últimos acontecementos, decide baixar á terra para comprobar de primeira man o que está pasando.

Quico Cadaval con O complexo de Edipo
Complexo de Edipo, de Cadaval, é un relato mítico que xa escoitaron oito mil colombianos e tamén tres mil setecentos africanos dos que tres mil eran canarios. Probablemente o público europeo coñece mellor a versión do ribeirán que a orixinal do inmortal Sófocles. O mito do home que mata ao pai, deitase coa nai e chámalle fillos aos irmáns é agora comentado por unha taberneira dun porto galego que ademais é a nai do monhilista Cadaval.

A cociñeira desdeña o mito clásico ao tempo que dá a receita da carne asada. Gastronomía, épica, alta cultura, cotilleos, psicoanálise, noticias sorprendentes sobre a monarquía española… Todo en 41 trepidantes minutos dun monólogo traxiridículo.

Compartir: