CULTURA

O Teatro Principal acolle unha función benéfica de "Esperando a Godot"

23/05/2006 O Teatro Principal acolle unha función benéfica en beneficio dos Comités de Solidariedade de Galiza (COSAL). Talía Teatro representará a obra Esperando a Godot e a cita é o mércores 24 de maio ás 21:00 horas.

A obra de Samuel Beckett é unha das obras máis representativas do teatro do absurdo e unha das máis recoñecidas do seu autor, que recibiu o Premio Nóbel en 1969. A súa primeira representación, o 5 de xaneiro de 1953, causou un grande impacto e co tempo tense convertido nunha obra clásica, debido ás súas moitas postas en escena en todo o mundo. O seu tema principal, a condición humana, segue moi vixente.

A historia xira arredor de dous protagonistas principias, Estragón e Vladimir, que están ligados entre si por unha especie de solidariedade e polo obxectivo común de agardar a un misterioso personaxe chamado Godot.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o director de Talía Teatro, Artur Trillo, na compaña do director da obra, Roberto Salgueiro, e de Pablo de Prado, de COSAL, presentaron a obra. O prezo da entrada única será de seis euros.

Compartir: