CULTURA

Os lucenses Holywater presentan o seu novo disco, "Wasteland", no Compostela Rock

22/01/2013 O ciclo Compostela Rock continúa coa súa programación e, dentro dela, o mércores 23 chegan a Compostela os lucenses Holywater para presentar o seu novo disco, Wasteland. No concerto, que comeza ás 21:00 horas na Zona C, terán como teloneiros aos composteláns Curtinatis. As entradas, a 8 € anticipada e 10 € na billeteira, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), Ticketea, A Reixa Tenda ou na propia Zona C o día do concerto.

Hai grupos, poucos, que poderían cobrar por ver as súas probas de son. É unha cuestión de entrega, de respecto polo seu traballo, tamén de talento. De non saber non dalo todo. Holywater son un deses grupos; quen teña a oportunidade de comprobalo, que o faga.

Esa mesma entrega, ese mesmo respecto polo seu traballo, tamén ese mesmo talento, están agora en Wasteland, que chega pouco máis de dous anos despois de The Path to Follow, algo non demasiado habitual na produción da banda. Parece coma se o impulso colleito co seu disco anterior e os máis de setenta concertos repartidos por salas e festivais de toda España serviulles para manter viva a inspiración, non deixar os instrumentos e preparar este once cancións que forman o seu quinto álbum.

Gravado en Ultramarinos Costa Brava por Santi García, e coproducido entre Holywater e Santi García, Wasteland é o seu disco de rock máis clásico, o máis elegante, o que ofrece menos ganchos inmediatos porque se sabe seguro do seu atractivo e non necesita exhibilo da noite para o día para gañarse a ninguén. Seguen contando coa voz emocionante de Ricardo Rodríguez, unha sección rítmica na que Mito está asentado como baixista e que por momentos coquetea co soul e a potencia dunhas guitarras máis neilyoungianas que nunca (quizais por iso nos seus directos véselles ás veces moi xuntos, formando un círculo ao Crazy Horse que despide a mesma enerxía cara a fóra que os alimenta a eles desde dentro).

Wasteland é o disco co que Holywater segue o seu camiño, alleo a etiquetas e a modas, o que lles levou a este terreo baldío que eles traballaron para plantar con mimo as súas cancións máis clásicas. Con catorce anos de estrada, Holywater son cada vez máis eles sendo cada vez máis conscientes da tradición da que forman parte. Se alguén toca nunha banda de rock e fai un disco como este, pode dicir con orgullo: mira, isto é o que fago, toco nun grupo de rock. Entrega, respecto e talento.

Compartir: