CULTURA

Guadalupe Plata, The Brew e Mighty Calacas abren o novo ciclo Blues Nite

21/01/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou un novo ciclo do Departamento de Cultura, o Blues Nite, que reúne os concertos de blues. Ademais, presentou tamén os dous novos TriCiclos que teremos dentro do Compostela Rock, para o que o acompañou Iván Arias, da promotora compostelá Work on Sunday, que é a impulsora dos ciclos.

O Blues Nite é un novo ciclo que vén complementar a programación xa presentada e no que se agruparán diferentes estilos de música, todos arredor do blues e as súas variantes e fusións. Estes concertos ata o de agora estaban dentro do Compostela Rock ou do Jazz in Blue, pero dende o Departamento de Cultura considerouse que o blues ten a forza suficiente como para ter un ciclo propio. Este ciclo é así o complemento perfecto da programación de jazz que se presentará nas vindeiras semanas.

Aínda que pode haber máis propostas ao longo do ano, desta vez presentáronse tres concertos que xiran todos arredor do blues, pero con moi diferentes estilos. Comezase cunha proposta fresca e dirixida a mocidade, xa que é un grupo moi do gusto do público máis novo: os andaluces Guadalupe Plata, que estarán na Zona C o mércores 30 de xaneiro. Despois estará o blues rock, na fronteira do hardcore, de The Brew, que poderemos ver tamén na Zona C o mércores 6 de febreiro.

Pecha esta programación a divertida e desenfadada proposta dos mexicanos Mighty Calacas, fusionada co blues do que probablemente é a gran figura internacional do blues galego, o compostelán Marcos Coll, que presentan o seu disco Hot Pelucho Sounds. Poderemos escoitalos o martes 7 de maio na Sala Capitol.

TriCiclo 2 e 3 na Zona C
Work on Sunday volve á carga coa segunda edición do seu TriCiclo. Seguindo a fórmula que triunfou hai escasos meses en Capitol (onde Lisabö, Cave e Unicornibot configuraron unha noite perfecta), a produtora volve a amalgamar a tres bandas de procedencia galega, nacional e internacional para ofrecer uns concertos únicos e inimitables que se enmarcan dentro do ciclo Compostela Rock.

O TriCiclo 2 será o xoves 24 de xaneiro na Zona C e nel poderemos escoitar a The Oscillation (Londres, drone/krautrock/psicodelia); Sutja Gutiérrez (Castellón, electrónica rock) e Lendrone (A Coruña, drone). E xa se presentou o TriCiclo 3, que se celebrará tamén na Zona C, o 13 de abril, e no que estarán Endless Boogie (New York, rock/psicodelia), Lüger (Madrid, rock blues/psicodelia) e Guerrera (Galicia, rock blues/psicodelia).

Compartir: