PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nova edición de Compostela Activa

23/05/2006 O departamento de Promoción Económica e Emprego pon en marcha unha nova edición de Compostela Activa, unha iniciativa que pretende "reducir o desemprego e fortalecer o tecido produtivo de Santiago", en palabras do seu responsable, Xosé Manuel Iglesias. O programa conta cun concurso de ideas empresariais e cunha liña de incentivos.

O concurso Compostela Activa terá dúas categorías, unha xenérica e outra específica para ideas promovidas por mulleres. Os premios que se outorgarán serán de 5.000 euros para os primeiros, 4.000 euros para os segundos, e 3.000 para os terceiros. Os proxectos que reciban un premio teñen o compromiso de iniciar a súa actividade nos seis meses posteriores ao fallo do premio. A principal novidade deste ano é que tamén se vai crear unha categoría para novas ideas dos alumnos de formación profesional do Concello.

Ademais deste concurso existen dúas liñas de incentivos, destinadas a novas empresas que comezaran a súa actividade entre o 16 de novembro de 2005 e o 30 de setembro de 2006. A partida destinada a esta categoría é de 30.000 euros.

A primeira das axuda abrangue á realización de campañas de promoción, preferentemente en medios de comunicación. O importe máximo a conceder será de 2.000 euros e pode alcanzar o 100% do investimento realizado.

Por outra parte, haberá unha subvención, que será equivalente ao 5% do investimento realizado en activo fixo, ata un máximo de 3.000 euros. A data tope para a presentación de solicitudes é o 30 de setembro.

Para fomentar esta cultura emprendedorá tamén está prevista a celebración dunha xornada do emprendedor no mes de setembro.

Compartir: