ALCALDÍA

O Colexio de Avogados de Santiago entregou as súas medallas de ouro

18/01/2013 O Hostal dos Reis Católicos acolleu a entrega das medallas de ouro do Colexio de Avogados de Santiago, nun acto ao que, entre outros, asistiu o alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro Francisco Noya.

Nesta ocasión, a medalla de ouro e brillantes, no apartado de avogados, foi para Ramón Cruces Vilas, quen fora vicedecano do Colexio e cunha traxectoria profesional de máis de 50 anos. Na categoría de non abogados resultou condecorado Gumersindo Guinarte Cabada, ex vicevaledor do Pobo e ex secretario xeral de Presidencia da Xunta de Galicia.

Ademais, na cerimonia entregouse o IV Premio Dereitos Humanos, que nesta ocasión recaeu no albergue XXIII, en recoñecemento ao seu labor en prol dos máis desfavorecidos. Recolleu o galardón o seu director, Frei Francisco J. Honrubia Bonnín.

Recibiron as insignias de ouro catro avogados composteláns polos seus máis de 40 anos de traxectoria profesional e, finalmente, realizouse o xuramento de novos letrados. Un deles foi apadriñado polo concelleiro Francisco Noya.

Esta entrega de premios realízase con motivo da celebración da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón das facultades de Dereito. Os actos incluíron tamén unha misa na Catedral de Santiago e unha cea.

Compartir: