TURISMO

A praza do Obradoiro acolle un "atranque" do Entroido da Ulla o sábado 26 de xaneiro

18/01/2013 Os Xenerais da Ulla chegarán dacabalo á praza do Obradoiro para escenificar un típico "atranque" ou "alto". Será o sábado 26 de xaneiro ás 12:00 horas. Trátase dunha presentación pública do Entroido tradicional da Ulla, que ten lugar nas inmediacións da cidade de Santiago dende a primeira metade do século XIX: os Xenerais van dacabalo, disfrazados con vistosas vestimentas militares similares ás desa época, que inclúen adornos puramente carnavalescos, que locen tamén os cabalos.

Os atavíos, tanto dos Xenerais como dos seus cabalos, chaman a atención pola súa tradición, orixinalidade, colorido e grao de elaboración, o que fai que teñan un gran valor. Unha vez no Obradoiro, os Xenerais da Ulla representarán un típico "alto" ou "atranque": un debate dialéctico por parellas para tratar temas de actualidade no ton de mofa característico das coplas do Entroido.

Nesta presentación no Obradoiro, participarán oito Xenerais da Ulla das parroquias compostelás de Aríns, Marrozos e O Eixo. Esta presentación pública na principal praza de Santiago de Compostela pretende ser un só un aperitivo dos actos que terán lugar dende finais de xaneiro e ata mediados de febreiro nos oito concellos onde se celebra esta festividade tradicional e única no seu xénero, e que por segunda vez colaboran na súa promoción conxunta: Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así, os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos. Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do Entroido tradicional galego.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: