CULTURA

Doce concertos compoñen a variada oferta de estilos do ciclo Sons 2013 para os cinco primeiros meses do ano

16/01/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia presentou a programación do ciclo Sons 2013 para os meses de xaneiro a maio. Unha variada oferta de sons con diferentes estilos, procedencias e xéneros compoñen esta proposta musical, que comeza co espectáculo Orígenes: el bolero, de Café Quijano, o sábado 26 de xaneiro no Teatro Principal.

Se no primeiro concerto os boleros son os protagonistas coa presenza de Café Quijano, o flamenco collerá a testemuña no segundo coa actuación dunha das grandes estrelas deste xénero, Miguel Poveda, que estará no Auditorio de Galicia o sábado 2 de febreiro. Os tangos tamén terán o seu momento coa actuación o sábado 25 de maio, tamén no Auditorio, dos históricos Malevaje, que repasaran os grandes éxitos dos seus case 30 anos de carreira.

Dúas estrelas internacionais resaltan nesta primeira entrega de Sons 2013: a portuguesa Ana Moura, que estreará en Galicia o seu novo disco, Desfado, o venres 22 de febreiro, e o belga Win Mertens, que tamén ofrecerá neste ciclo o único concerto en Galicia de presentación do seu último disco, A starry wisdom, o venres 3 de maio. Ambos concertos serán no Auditorio.

Outros nomes de prestixio que completan os contidos deste Sons 2013 son Amancio Prada, coa presentación do seu novo espectáculo, Libertarios, (sábado 2 de marzo), e Pedro Guerra, que celebra cun concerto único en Galicia os seus 30 anos nos escenarios o domingo 14 de abril. Ambos actuarán no Teatro Principal, que acollerá ademais a singular proposta da orquestra de percusión ibérica Coetus, coa colaboración de Eliseo Parra, que trae a Compostela o seu último traballo, Entre tierras, o mércores 13 de marzo.

A oferta galega non se queda atrás coa actuación de Uxía, quen será protagonista o venres 15 de febreiro, no Teatro Principal, da primeira entrega de Cantigas de Mulleres, un proxecto inspirado no traballo da discográfica Fol Música que reúne unha selección das mellores voces femininas da música galega e que proximamente traerá máis novidades. Budiño ofrecerá no Principal a estrea do seu novo disco o xoves 25 de abril, mentres que Pradairo estará no mesmo escenario, o sábado 6 de abril, co seu espectáculo Pateado. Finalmente, o grupo de percusión Odaiko contará coa colaboración de amigos como Xiana Lastra, Anxo Lorenzo, Antía Lameiro e o Coro da Rá nun espectáculo denominado Odaiko and friends que o público poderá gozar no Teatro Principal o sábado 9 de marzo.

Prezo e lugar de venda de entradas
As entradas para todos os concertos poderán mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e días do evento de 18:00 a 21:00 horas) e en Novagaliciabanco, tanto na súa web como no teléfono 902 434 443. Non obstante, as entradas para os concertos de Uxía, Odaiko e Pradairo só se poderán mercar na billeteira do Principal. Ademais, os concertos do Auditorio terán venda de entradas tamén na billeteira do propio recinto o día do concerto a partir das 18:00 horas.

Compartir: