URBANISMO

Asinada a cesión de espazos que permitirá a demolición das terrazas de Vista Alegre

16/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, reuniuse en Raxoi con 18 presidentes de comunidades de veciños de Vista Alegre para a sinatura da cesión do espazo das terrazas. A eliminación das devanditas terrazas é unha vella reivindicación do barrio polos problemas de accesibilidade e mesmo de humidade que supoñen. O proxecto está en fase de redacción.

María Pardo explicou que esta sinatura é "un paso máis" no proceso de mellora da calidade de vida dos veciños do polígono de Vista Alegre. Así, esta cesión de propiedade permitirá que sexa o Concello o que asuma a retirada das terrazas e a remodelación do barrio. A edil confía en que as obras estean rematadas neste mesmo 2013 ou, como moito, a principios de 2014.

Con esta actuación demolerase a totalidade das terrazas dos 33 bloques de vivendas cos que conta este polígono. Esta intervención sumarase así á que se está realizando no marco da Área de Rehabilitación Integral (ARI), que a finais de 2013 permitirá ter xa instalados 11 ascensores.

Este proxecto contempla actuacións como a supresión de barreiras arquitectónicas; a reordenación do tráfico; a apertura de rúas peonís; a canalización de novos servizos (fibra óptica e gas) e a de outros xa existentes (electricidade), que na actualidade son exteriores; e a reordenación de zonas de estacionamento e soterramento de colectores.

Neste proxecto daráselle prioridade aos peóns, mesmo restrinxindo o tráfico en rúas como Rianxo, Riveira ou Noia. Eliminaranse os actuais desniveis entre beirarrúas e calzadas, suprimiranse determinadas prazas de estacionamento e desaparecerá o túnel existente. Outro aspecto novidoso serán as luminarias suspendidas por cables de aceiro.

A redacción do proxecto foi adxudicada por 70.000 euros. A baixa producida nesta licitación, 80.000 euros, sumarase á partida de 393.725 euros prevista para 2013. A partida de 2014 é de 1.050.000 euros.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: