CULTURA

Trece propostas teatrais no avance de programación do ciclo Teatro & Danza

14/01/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou un avance da programación do ciclo Teatro & Danza para os meses de xaneiro a maio, que se completará con máis obras que se darán a coñecer nos vindeiros días. Desta vez presentou 13 obras teatrais (34 funcións), ás que se engaden funcións escolares de seis destas obras e a presentación en sesión de microteatro doutras dúas. A maior parte desta programación desenvolverase no Teatro Principal e na Zona C de Bonaval, aínda que o microteatro será en A Regadeira de Adela.

Dentro do avance presentado hai dúas obras de autores españois do século XIX-XX: o andaluz Federico García Lorca e o galego Ramón María del Valle-Inclán. Deles poderemos ver Luces de Bohemia o 27 de xaneiro e 1941. Bodas de sangre o 11 de abril. As primeiras funcións que están xa confirmadas de teatro galego inclúen a compañía compostelá Voadora co seu exitoso Tokio3 (o venres 18 e o sábado 19 de xaneiro, ás 21:00 horas); as funcións da xira de presentación de Gaivotas subterráneas, posta en escena por RTA e Talía Teatro (29 e 30 de xaneiro); a estrea absoluta de Divina Garbo, obra en torno ao mito de Garbo dirixida e protagonizada por Roberto Cordovani (20, 21 e 22 de febreiro); e a presentación da compañía ourensá Il Maquinario Teatro con O home almofada (27 e 28 de febreiro).

Tamén nos visita a compañía madrileña Sudhum Teatro, da que algúns dos seus membros son galegos, e que presentarán Luminosa nostalgia os días 8 e 9 de febreiro. Ademais, deseñouse unha programación especial para o Día das Letras Galegas arredor da figura de Roberto Vidal Bolaño e esa fin de semana presentarase Criaturas, posta en escena por Teatro do Aquí (16 e 17 de maio), e Bailadelas, seis mulleres bolañesas, por Teatro Antroido (18 e 19 do mesmo mes).

E como ao longo de todo o 2012, este ano teremos teatro tamén na Zona C, cun formato e postas en escena máis alternativas. Poderemos ver nesta sala de Bonaval a estrea absoluta de Waltz, da compañía Voadora, os días 14, 15, 16, 17, 21, 22, 23 e 24 de febreiro. E Branca Novoneyra presentaranos un proxecto de poesía e teatro coas súas Escenas Poéticas, unha triloxía conformada por Aneis, que protagoniza a mesma Branca Novoneyra (1, 2 e 3 de marzo); Dessassosego, a cargo da compañía DandyLady (8, 9 e 10 de marzo); e O asombro, de Fantoches Baj (15, 16 e 17 de marzo).

Na busca de novos públicos e vías de colaboración, o José Víctor Carou salientou as sesións promocionais de microteatro na recentemente inaugurado A Regadeira de Adela. Os días 16, 17 e 18 de xaneiro, Sudhum Teatro ofrece a peza Daniel, coa que presentan Luminosa nostalgia. Os días 30 e 31 de xaneiro e 1 de febreiro chegará a vez neste novo formato, o microteatro, que está a levantar unha gran expectación e interese entre o público, de O home almofada con Il Maquinario Teatro. Ambas obras poderán ser vistas posteriormente no súa integridade no Teatro Principal.

Dentro do programa didáctico e cultural dirixido aos máis pequenos estase a traballar nas funcións escolares no Teatro Principal (durante as datas correspondentes á presentación de cada unha das obras en Santiago) das obras Tokio3, Luces de Bohemia, O home almofada, Bodas de sangre, Criaturas e Bailadelas, seis mulleres bolañesas. A estas engádese tamén a proposta de Teatro da Regenta para El burlador de Sevilla, de Tirso de Molina (25-26 de febreiro).

Compartir: