EIXO ATLÁNTICO

Sánchez Bugallo participa na inauguración do Congreso sobre os segundos estudos estratéxicos do Eixo Atlántico

30/03/2005 Na súa intervención, o Alcalde de Santiago advertiu do risco que corren as comunidades periféricas que integran o Eixo Atlántico, como Galicia ou o Norte de Portugal, de ver acentuado ese mesmo carácter periférico nos próximos anos na medida en que os fondos estruturais europeos revertan nas rexións dos países recentemente incorporados á Unión Europea.

Durante a inauguración do Congreso sobre os segundos estudos estratéxicos do Eixo Atlántico, celebrada o mércores 30 en Ourense, Sánchez Bugallo, actual vicepresidente do Eixo, expresou a necesidade de reflexionar con rigor sobre o destino dos fondos europeos, que permitiron achegar o diferencial de renda á media europea, tanto no caso galego como no portugués. "Os novos socios europeos teñen dereito á mesma solidariedade que gozamos nós ata agora, durante os últimos vinte anos", afirmou.

Neste intervalo, lembrou o alcalde compostelán, e grazas a esta solidariedade, tanto Galicia como Portugal, con diferenciais de renda do 71% e 60%, respectivamente, sobre a media europea, reduciron esta distancia. Sen embargo, destacou, este crecemento non foi distribuído con homoxeneidade nas distintas comunidades autónomas, de xeito que algunhas, como é o caso do País Vasco, Madrid, Baleares ou a Comunidade Valenciana, superan con moito o 100% mentres outras como Galicia, Estremadura ou Andalucía non están ao mesmo nivel.

Bugallo indicou que hai dez anos o primeiro estudo estratéxico do Eixo incidía na necesidade de potenciar e modernizar as infraestruturas básicas, como a rede de estradas de alta capacidade o sistema aeroportuario ou os portos, con resultados, ao seu criterio, razoabelmente satisfactorios.

O novo marco europeo, con fondos estruturais garantidos para o período 2007-2013, sitúanos, segundo indicou, "na estación do último tren" polo que é necesaria unha valoración do aproveitamento realizado coas aportacións europeas pero tamén unha análise de que parte foi realmente aplicada de xeito produtivo.

A reflexión necesaria formula unha opción, engadiu, Sánchez Bugallo entre incrementar os niveis de calidade actuais ou garantir o futuro. Países considerados como periféricos, como Irlanda, marcan un exemplo a seguir, con investimentos que non só incidan nas infraestruturas senón na mellora da formación profesional, a cualificación e o aprendizaxe de idiomas, a implantación efectiva das autopistas da información, etcétera.

O Alcalde compostelán rematou a súa intervención destacando que na orientación da aplicación destes fondos as cidades teñen que xogar un papel fundamental ao concentrar non só o tecido produtivo senón tamén o maior número de oportunidades.

Compartir: