PARQUES E XARDÍNS

O estanque da Alameda recuperará as aves e quedará mellor integrado no paseo central

11/01/2013 A concelleira de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, María Castelao, presentou o proxecto de mellora no estanque da Alameda e do xardín a carón do mesmo. Intervirase na xardinería, nas instalacións, no mobiliario, na pavimentación e na impermeabilización. O orzamento inicial será de 119.979 euros, procedentes de remanentes.

Segundo indicou María Castelao, trátase dunha "actuación importante para manter a imaxe da Alameda, un parque emblemático que non podemos deixar deteriorar". Neste sentido, o responsable de Parques e Xardíns, José Antonio Mosquera, apuntou que esta parte do parque quedara fóra doutras remodelacións feitas con anterioridade na Alameda, polo que xa presenta un importante grao de deterioro.

A concelleira apuntou que, coa intervención prevista, a zona do estanque quedará moito mellor integrada no paseo central da Alameda, gañando ademais en diversidade de flora, colorido e vistosidade. En especial, salientou que a remodelación permitirá a volta das aves ao estanque, o que tamén constituirá un atractivo para os máis pequenos. As obras aproveitaranse tamén para mellorar os sistemas de rego, automatizándoos, facilitando un importante aforro de auga.

Retirada do sebe e automatización do rego
En canto á xardinería, retirarase o sebe perimetral existente na actualidade. En troques, plantaranse diversas especies arbustivas, tapizantes e bulbosas, que permitirán unha mellor integración do estanque co xardín e co resto do paseo central da Alameda.

As instalacións tamén serán renovadas, automatizando o sistema de rega manual existente. Esta parte da Alameda, lembrou a edil, non estaba conectada co sistema central de rego automático. Aproveitarase tamén para conectar a este rego automático a zona anexa do Campo da Estrela.

Estanque impermeabilizado
Habilitarase un sistema de recollida de pluviais no paseo peonil que discorre entre o estanque e a rúa Juan Carlos I, evitando os empozamentos que se viñan producindo ata agora. Neste paseo substituirase a pavimentación actual por outra de xabre, colocando ademais un valo perimetral de madeira.

O estanque contará cun novo sistema de chorros e luces led e será restaurada a caseta dos parrulos existente na parte central do vaso. Este estanque quedará agora impermeabilizado, xa que agora ten un problema de filtracións que, segundo a concelleira, provoca que se perdan cada día máis de 10 metros cúbicos de auga, máis do que supón o total do rego diario do parque da Alameda.

Documentos relacionados



Compartir: