ALCALDÍA

Compromiso para sinalizar os límites da tarifa urbana do servizo de taxis

11/01/2013 O alcalde, Ángel Currás, reuniuse con representantes da Asociación de Taxistas de Compostela, nunha xuntanza na que tamén participou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Albino Vázquez. No encontro falouse prioritariamente da sinalización do límite da tarifa urbana no termo municipal e da presenza de taxis no aeroporto de Lavacolla.

Sobre a sinalización visual dos límites da tarifa urbana dos taxis, o alcalde considerouno un servizo desexable para os usuarios, para que poidan distinguir cando se lle empeza a aplicar a tarifa interurbana. Ángel Currás indicou que esta actuación se executará en canto exista partida orzamentaria para a mesma.

Nesta reunión, o alcalde e o concelleiro tamén falaron cos taxistas da necesidade de que establezan un sistema de turnos que permita a presenza permanente no aeroporto dun número determinado de taxis, de xeito que se poidan atender todas as chegadas de voos.

A Asociación de Taxistas de Compostela tamén deu conta a Ángel Currás do estado actual do sector. Neste sentido, o presidente da entidade, Jesús Pena, apuntou que en 2012 se ten producido unha baixada no número de usuarios de entre un 35% e un 40%, situándose o número de servizos en niveis de 2006 e 2007.

Compartir: