CULTURA

Oito novos espectáculos de Falabaratos nos primeiros meses do 2013

10/01/2013 Falabaratos (monólogos, contos e outros shows) foi unha das novidades na programación da cidade no 2012. Neste ciclo as palabras convértense en humor e a ironía e o bo facer dos monologuistas, contadores de contos e protagonistas doutros tipos de shows materialízase en espectáculos de primeira fila a procura dun espectador disposto a pasalo ben. O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou o programa do ciclo para os meses de xaneiro a maio no que contaremos con Dani Mateo, Federico Pérez, Quico Cadaval, Rober Bodegas, Joaquín Reyes, Miguel Lago, Manuel Manquiña, Luis Zahera, Roberto Vilar e Evaristo Calvo.

Este mesmo sábado comeza a programación do ciclo para o 2013 con Dani Mateo, que presenta PK2.0 o que Dios nos pille confesados no Auditorio de Galicia. Este será o único espectáculo dos presentados que se celebrará no Auditorio de Galicia, xa que todos os demais son no Teatro Principal. O xoves 24 de xaneiro chegan As noites de retranca con Federico Pérez, con Ración de Breogán, e Quico Cadaval, con O complexo de Edipo, e o 31 de xaneiro teremos a Rober Bodegas coa estrea absoluta de El umbral de la estupidez, que repetirá función o 1 de febreiro. E pechamos febreiro, xa o sábado 23, con Joaquín Reyes e o seu Soy especial.

En marzo, a cita con Falabaratos protagonízaa Miguel Lago, que trae a Compostela, o xoves día 7, Soy un miserable. E en abril teremos un dúo de luxo: Manuel Manquiña e Luis Zahera ofrecen os seus Monólogos inocentes o xoves 4.

O sábado 11 de maio, Roberto Vilar presenta A cabeza non para acompañado de Roberto Gómez, Juan Ramón e Manolito the Fisherman. E pechamos esta programación o venres 24 de maio con Aprende a ser feliz, de Evaristo Calvo.

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, para case todos tamén se poden mercar en Novagaliciabanco, tanto na web como no teléfono 902 434 443.

Documentos relacionados



Compartir: