XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal aposta pola sustentabilidade e as novas tecnoloxías en prol dunha xestión máis eficiente

10/01/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a creación dunha Comisión Municipal de Sustentabilidade e Sociedade da Información. Ademais, deuse o visto bo á adhesión do Concello de Santiago ao Pacto dos Alcaldes, unha iniciativa da Comisión Europea para fomentar a aplicación de políticas de enerxía sustentable.

A creación da Comisión de Sustentabilidade e Sociedade de Información, a proposta da concelleira de Urbanismo, María Pardo, enmárcase no obxectivo de que Santiago sexa unha Smart City, iniciando unha planificación da cidade baseada na xestión intelixente e a sustentabilidade co emprego das novas tecnoloxías. Esta folla de ruta concluiría nunha Axenda Dixital.

Para a materialización deste proxecto global de cidade intelixente considerouse preciso crear unha estrutura permanente multidisciplinar e transversal, na que participarán os diferentes departamentos con competencia na materia. Así, a Comisión estará presidida polo alcalde ou persoa na que delegue e polos concelleiros, actuando como secretario o director da Área de Urbanismo e Infraestrutura.

Tamén se creará unha Oficina Técnica de Proxectos, integrada polos responsables das areas implicadas, cunha composición mixta de políticos técnicos que variará en función da material a abordar. Finalmente, poranse en marcha diferentes grupos de traballo cunha composición exclusivamente técnica.

Redución de emisións contaminantes
A Xunta de Goberno deu igualmente o visto bo á adhesión do Concello de Santiago ao chamado Pacto dos Alcaldes, unha iniciativa da Comisión Europea co fin de apoiar o esforzo das autoridades locais na aplicación de políticas de enerxías sustentables. Considérase que os gobernos locais desempeñan un papel decisivo á hora de atenuar os efectos do cambio climático, máxime tendo en conta que o 80% do consumo enerxético e das emisións de CO2 está asociado coa actividade urbana.

A sinatura deste Pacto supón o compromiso de elaborar un Inventario de Emisións de Referencia, isto é, un cálculo da cantidade de CO2 emitida como resultado do consumo de enerxía no municipio durante un ano tomado como referencia. O asinante deberá redactor tamén un Plan de Acción para a Enerxía Sustentable, que definirá as medidas a adoptar o Concello para cumprir co seu obxectivo de redución de CO2 antes do ano 2020.

Antes da sinatura do formulario de adhesión, esta será sometida á aprobación do Pleno municipal.

Centros Socioculturais
O Goberno local tamén se deu conta da certificación da Deputación Provincial da Coruña sobre a previsión dunha subvención para financiar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche para o ano 2013, por importe de 144.000 euros. Ademais, tamén se tomou en coñecemento o convenio coa Deputación para financiar o programa de actividades dos centros socioculturais do ámbito rural do Concello, por importe de 140.000 euros.

Mercados
Finalmente, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Mercado de Abastos de Santiago. Sociedade Cooperativa Galega mediante o cal se sufragou o aluguer de elementos para a iluminación navideña das naves centrais da Praza, murallóns, torre central e praciñas da Praza. O Concello achega unha cantidade de 11.000 euros.

Actos vandálicos
Antes da rolda de prensa da voceira adxunta da Xunta de Goberno, María Castelao, compareceu o concelleiro de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, para informar sobre os actos vandálicos da pasada noite, que deixaron un balance material inicial de cinco colectores do lixo queimados e a rotura de varias vidreiras. Estes incidentes obrigaron a cortar o tráfico durante uns 30 minutos na confluencia de Montero Ríos con Xeneral Pardiñas. A rápida intervención dos Bombeiros, da Policía Local e do servizo de limpeza permitiu restablecer o tráfico con normalidade.

Compartir: