EDUCACIÓN

O CEIP Apóstolo Santiago contará cun novo comedor de maior capacidade

10/01/2013 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, visitou o CEIP Apóstolo Santiago xunto co arquitecto da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación da Coruña, co fin de abordar as obras previstas no centro. Así, vaise acondicionar un espazo no edificio anexo para empregalo como comedor escolar, substituíndo ao actual espazo, que quedou pequeno ante a demanda existente.

Rebeca Domínguez explicou que se vai acondicionar un espazo na planta baixa do edificio anexo, que terá conexión directa co patio do colexio. Este novo comedor escolar permitirá atender máis alumnos e, á vez, permitirá aos monitores ofrecer unha mellor atención aos 30 actuais, segundo apuntou o director do colexio, Xabier Baldomir. A demanda deste servizo de comedor é crecente, en paralelo ao incremento da matrícula no Apóstolo Santiago.

A planta baixa do edifico anexo quedará para o devandito comedor, mentres que na primeira planta tamén se habilitará un espazo, pero neste caso para os ensaios das agrupacións da Escola Municipal de Música, situada tamén a carón do colexio.

Esta obra é unha das comprendidas no compromiso de colaboración entre a Concellería de Educación e a Xefatura Territorial de Educación da Xunta de Galicia para executar actuacións prioritarias en oito centros escolares, cun investimento total previsto duns 200.000 euros. Todas elas estanse a executar segundo o nivel de prioridade e de modo que interfiran o menos posible no funcionamento dos centros escolares, de modo que algunhas se deixarán para o remate do actual curso.

Ademais desta intervención no Apóstolo Santiago, realizaranse obras nos colexios Raíña Fabiola, Lamas de Abade, Pío XII, Monte dos Postes, Quiroga Palacios, As Fontiñas e Rodríguez Xixirei.

Documentos relacionados



Compartir: