PARQUES E XARDÍNS

Ábrese o Parque Infantil da Constitución

23/05/2006 Un novo espazo infantil únese á oferta lúdica de Santiago. Trátase do Parque da Constitución, que será inaugurado oficialmente o martes 23, ás 19:00 horas. Este parque nace adaptado plenamente para o acceso dos nenos con diminucións físicas, convertíndonse no terceiro destas características co que conta a cidade, tralos da Alameda e de Fontiñas.

Dende as cinco da tarde, os máis pequenos poderán gozar dos xogos que ofrece este parque, nunha xornada dedicada especialmente para eles. Haberá un contacontos e os rapaces poderán estrear os xogos e atraccións deste singular espazo do que xa pode dispor o Ensanche. O Concello investiu no mesmo 102.000 euros.

Este novo parque conta cunha área de xogo duns 300 metros cadrados. Dispón dunha rampa que permite o acceso en cadeira de rodas e de andadores de todo tipo. Unha vez alí, os nenos poderán atopar dende o tradicional tobogán a diversos xogos educativos.

Non faltarán as atraccións máis tradicionais, coma un funil de rede, unha corda vertical, unha parede para trepar ou unha barra para deslizarse. No eido educativo, os máis pequenos poderán divertirse con xogos de clasificación, de imaxes, de abecedario e co vagabundo. A todo isto engádense atraccións tan singulares coma un periscopio, unha cociña ou unha cabina de camión, na que non falta o volante, a caixa de cambios ou o acelerador. O parque complétase cunha casiña con mobles e cun balcón.

Ademais deste parque, a concellaría de Parques e Xardíns prepara novas instalacións para os rapaces. En breve tamén estarán instaladas as áreas de xogo do parque de San Xoan de Vista Alegre. Destináronse 70.500 euros para este parque, que disporá de dúas zonas diferenciadas: unha para rapaces de dous a seis anos e outra para os nenos e nenas de seis a doce anos.

Estes novos parques únense aos 45 que xa están activos na cidade. Nos vindeiros meses instalaranse máis espazos lúdicos e reporase o equipamento doutros. En particular, hai proxectos en marcha para Santa Marta, Ponte Maceira, A Peregrina e o Parque de Xixón.

Compartir: