CENTROS SOCIOCULTURAIS

A exposición itinerante "Con outra mirada" chega a Santiago de Compostela

10/01/2013 O Centro Sociocultural de Santa Marta acollerá ata o 18 de xaneiro a exposición itinerante Con outra mirada, que organiza FEAPS co obxectivo de mostrar a evolución dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual a través da historia, así como os retos e dereitos que aínda quedan por conseguir.

A exposición inaugurouse nun acto ao que asistiu o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, quen manifestou que era "un honor e unha gran satisfaccion que a primeira exposición do centro de Santa Marta sexa esta. Os centros están abertos a todos e máis a iniciativas coma esta". Tamén participaron no acto o representante da Fundación SEUR, José Manuel Maroño, e o presidente de FADEMGA FEAPS Galicia, Eladio Fernández, así como membros dos diferentes grupos parlamentarios. Durante o evento, dúas persoas con discapacidade intelectual realizaron un percorrido pola exposición para os asistentes, explicando o contido de cada panel.

A través desta mostra, o visitante pode poñerse na pel das persoas con discapacidade intelectual grazas a testemuños e paneis interactivos, que axudan a comprender a longa loita que mantivo durante anos este colectivo para que se viran recoñecidos os seus dereitos. Así mesmo, todos os textos (agás as citas lexislativas), redactáronse en lectura facilitada, co obxectivo de que a exposición sexa accesible a todos os públicos.

A exposición Con outra mirada comezaba o seu percorrido por toda España durante o 2012, con motivo do Bicentenario da Constitución de Cádiz, para que os cidadáns puidesen coñecer de preto a conquista de dereitos que viviron e seguen vivindo as persoas con discapacidade intelectual. Esta mostra itinerante chega a Santiago despois de pasar por cidades como Madrid, Valencia, Oviedo, Zaragoza, ou Cádiz e conta coa colaboración da Fundación ONCE e da Fundación SEUR, (grazas á cal é posible que percorra os diferentes puntos de España), así como coa colaboración do Concello de Santiago mediante a cesión das instalacións do novo Centro Sociocultural de Santa Marta. A exposición poderá visitarse ata o 18 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

FADEMGA FEAPS Galicia, Federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual, conta na actualidade con 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a 4.754 persoas con discapacidade intelectual, e 7.499 socios. Ás entidades de FADEMGA están formadas por unha rede de 121 centros situados nas catro provincias galegas nos que traballan 1.306 profesionais.

Documentos relacionados



Compartir: