CULTURA

El Columpio Asesino inaugura a programación do Compostela Rock 2013 co final da xira "Diamantes"

09/01/2013 O ciclo Compostela Rock foi unha das novidades en 2012 do Departamento de Cultura e, tras o seu éxito, celébrase de novo neste 2013. O primeiro dos concertos será o de El Columpio Asesino, o xoves 10 de xaneiro, na Sala Capitol, a partir das 21:30 horas, no que será o final da súa xira Diamantes. As entradas poden mercarse, a 12 € anticipada (15 € billeteira), no Principal, en Ticketmaster, en www.salacapitol.com e en A Reixa Tenda. Despois deles, en xaneiro estarán Schwarz e Músculo!, XSM, Holywater e Curtinatis e unha nova edición do triCiclo con The Oscillation, Sutja Gutiérrez e Lendrone.

No seu cuarto disco, o grupo de Pamplona mantén algunha das pautas que fixeron de El Columpio Asesino unha marca absolutamente recoñecible: o son escuro, a tensión, o gusto polo acabado sofisticado e diferente.

No caso de Diamantes levan ao extremo as súas posibilidades e combinan os momentos máis crus con outros moi doces e melódicos (ao que axuda a voz de Cristina, con máis protagonismo que en anteriores traballos). A dualidade nas voces responde a un modelo tipo Bonnie & Clyde máis que a un musical, que busca un resultado sexy, perigoso e violento.

As guitarras desaparecen en favor das voces para resaltar a súa presenza; levan á mínima expresión utilizando e-bows e pasándoas por sintes analóxicos. Os punteos son minimalistas. Paradoxalmente, os arranxos electrónicos son menos, pero máis contundentes, moitas veces a modo de rifs. Un disco emocionante co conxunto de cancións máis redondo de cantos publicaron até o momento.

"Toro" (primeiro single) foi a cuarta canción española máis escoitada en Spotify na súa semana de saída. A súa canción en Youtube tivo máis de 800.000 plays. A estrea do álbum en Myspace tivo máis de 35.000 escoitas en tan só dous días. Nº1 para Mondosonoro no mes de febreiro. Nº1 en Bi FM. Nomeados a 6 premios da Música Independente, entre eles o de Mellor Grupo Español, Mellor Canción ("Toro") e Mellor Directo.

Compartir: