CIDADE HISTÓRICA

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico abordará as obras previstas no estanque da Alameda e no Hostal dos Reis Católicos

09/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, informou dos asuntos tratados na Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, celebrada na Capela de Raxoi. Na orde do día figuraban actuacións como as obras no estanque da Alameda ou na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos. Ademais, dada a maior carga de traballo que ten a Comisión, proporanse reunións quincenais, fronte ás mensuais que se viñan celebrando ata agora.

A actuación no estanque da Alameda e no seu xardín anexo, que executará a Concellería de Parques e Xardíns, suporá un investimento de 120.000 euros. Permitirá unha mellor impermeabilización do vaso e melloras nas instalacións de auga, luz, recollida de pluviais e mobiliario. Eliminarase tamén a sebe existente, integrando mellor o xardín co estanque e co uso peonil do parque.

Na Comisión abordarase igualmente a intervención urxente prevista na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos. Cun orzamento de 100.401 euros, Paradores executará obras na cuberta, nas vidreiras e no campanario.

Na orde do día figura tamén a aprobación da licenza para a o cambio da cuberta da casa existente na esquina da rúa do Cruceiro do Gaio coa avenida de Compostela. A este respecto, a concelleira destacou que, malia que aínda non se vaia rehabilitar, exista vontade por parte da propiedade de evitar o deterioro do inmoble, situado a carón da Alameda.

Finalmente, darase o visto bo á instalación dun novo ascensor na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Vista Alegre. Neste caso, autorizarase o elevador para o número 7 da rúa de Noia.

Xunto a estes temas, a Comisión abordará outros sete relacionados co ámbito do chamado perímetro azul. "Son temas menores, pero que se non tivésemos asumido a competencia do mesmo, os solicitantes terían que agardar varios meses pola súa licenza", indicou María Pardo.

A propósito da maior carga de traballo derivada da asunción desta competencia do perímetro azul, pero tamén das solicitudes en materia de publicidade, rotulación, terrazas e de obras tanto no Casco Histórico como nos Bens de Interese Cultural (BIC), a Comisión Asesora de Patrimonio Histórico reunirase quincenalmente e non mensualmente como ata agora. A proposta que se levará á reunión e de que estas sesións se celebren o primeiro e o terceiro martes de cada mes.

Compartir: