CULTURA

Sebastian Knauer, Benjamin Grosvenor e Andrea Lucchesini na quinta edición do Ciclo de Piano Ángel Brage

08/01/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou o V Ciclo de Piano Ángel Brage acompañado de Maximino Zumalave, un dos maiores impulsores do ciclo e de Eduardo Beiras, patrocinador do mesmo. Na programación desta quinta edición poderemos escoitar aos pianistas Sebastian Knauer o 9 de xaneiro; Benjamin Grosvenor o 24 de abril; e Andrea Lucchesini o 15 de maio.

O Ciclo de piano Ángel Brage nace no ano 2008, dentro da programación de abono do Auditorio de Galicia, para homenaxear no 25º aniversario do seu falecemento a este pianista e mestre de varias xeracións de músicos composteláns. Polo escenario do Auditorio de Galicia xa teñen pasado algúns dos máis grandes pianistas da actualidade: Olli Mustonen, Arcadi Volodos, Christian Zacharias, Krystian Zimmerman, Aldo Ciccolini, Paul Lewis, Leif Ove Andsnes, Emanuel Ax…

A quinta edición do Ciclo de Piano Ángel Brage inaugurase co pianista Sebastian Knauer. O pianista alemán interpretará obras de Bach, Schubert (os seus fermosos Impromptus para piano) e Beethoven (a súa Sonata para piano nº 17).

Despois de Sebastian Knauer, poderemos gozar no Ciclo de Piano Ángel Brage de Benjamin Grosvenor. Novo pianista inglés recoñecido internacionalmente polas súas electrizantes actuacións, a súa exquisita técnica e o seu xenial estilo, Benjamín Grosvenor é un dos pianistas da súa xeración máis solicitados no mundo.

Andrea Lucchesini pecha a quinta edición do ciclo interpretando dúas das obras mestras da literatura pianística, en concreto dúas das coñecidas como "últimas tres sonatas para piano de Beethoven, as números 30 e 31, das que o pianista di: "Trátase dun diálogo e dunha contraposición, unha experiencia de escoita, na que o efecto da alternancia entre o século XVIII visionario de Scarlatti e o piano dos microcosmos de Berio pode dar vida a resultados imprevisibles".

Os concertos serán todos no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas. As entradas para os mesmos están á venta en Novagaliciabanco (web e teléfono), na billeteira do Teatro Principal e na do Auditorio o día do evento. Os abonados do Auditorio de Galicia non terán que mercar as entradas, xa que o ciclo enmárcase dentro do Programa de Abono.

Documentos relacionados



Compartir: