TRÁFICO

Só seis positivos na campaña de controis de alcoholemia realizada durante o Nadal

08/01/2013 O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Albino Vázquez, deu conta dos resultados da campaña de control de alcoholemia realizada en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico durante as datas de Nadal. Dos 366 controis realizados, unicamente seis resultaron positivos e só unha xerou tramitación penal, derivando os outros cinco en denuncias administrativas.

Albino Vázquez indicou que estes "son moi bos resultados", reflectindo unha cada vez maior "prudencia" e "concienciación" dos condutores. Os controis realizáronse de forma aleatoria os días 11, 16, 17, 18 e 22 de decembro. Ningún dos 366 condutores se negou a realizar a proba de alcoholemia, cun balance final dun 98,36% de probas negativas e un 1,64% de positivos.

Tamén en relación ao tráfico, o edil confirmou a adquisición dun novo equipo para o control de substancias estupefacientes, que se empregará fundamentalmente no caso de accidentes nos que se sospeite do consumo das mesmas. Ademais, anunciou que antes de que remate o mes de xaneiro estará operativo o novo radar do paso inferior do Hórreo.

Campaña de prevención de xeadas
Noutra orde de cousas, Albino Vázquez apuntou que a noite do 7 de xaneiro foi a primeira na que se tivo que activar a alerta 1 do plan preventivo de inverno ante xeadas e nevadas, que xa está operativo dende o 22 de outubro. Este nivel inicial de alerta inclúe o esparexemento de sal en zonas altas da cidade, tales como a costa de San Marcos, o vieiro Camilo José Cela, a estrada de Chaián ao Polígono do Tambre, os accesos ao Hospital Clínico, o acceso ao Hospital Provincial, a avenida Xoán XXIII dende Liño Villafínez ata a praza da Paz e a costa de Santa Isabel.

Compartir: