ALCALDÍA

Impulso a Santiago como capital de Galicia

22/05/2006 A Xunta de Galicia consolidará o papel de Santiago como capital de Galicia e sede das institución autonómicas. Ese é o compromiso que expresou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na súa primeira visita institucional ao Concello de Santiago. Este carácter de capitalidade recollerase no novo Estatuto e promoverase co impulso do Consello da Capitalidade e do Consorcio de Santiago.

Pérez Touriño indicou que o novo Estatuto "recollerá e amparará no seu texto o carácter de capitalidade de Santiago e de sede das institucións autonómicas. É bo que a nosa norma máxima recolla no seu maior nivel xurídico esta realidade, que é sentida como tal por tódolos galegos e galegas". Neste mesmo sentido pronunciouse o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo. "A nosa aspiración é que o Estatuto recolla a definición de Santiago como capital nos mesmos termos que o Estatuto de Capitalidade", sinalou.

Con este mesmo obxectivo, Touriño anunciou a convocatoria en xuño do Consello da Capitalidade. No seo deste órgano crearase unha comisión que se encargará de redactar o convenio que dará estabilidade a este "soporte da capitalidade", co seu marco financeiro nos vindeiros catro anos. O presidente autonómico anunciou que para o vindeiro ano se incrementará a partida orzamentaria para o Consello, que para este 2006 é de 2,5 millóns de euros.

A terceira das actuacións para reforzar o papel de Santiago será a xuntanza do Real Padroado de Santiago de Compostela, o órgano xestor do Consorcio de Santiago. "Dependerá da axenda do Rei e do presidente do Goberno, pero intentaremos que se reúna no mes de xullo", apuntou Touriño, quen definiu esta entidade como "a expresión da mellor forma de facer política: a concertación para traballar xuntos".

Para Pérez Touriño, estas iniciativas en torno ao papel de Santiago, pretenden reforzar o "compromiso con ese inmenso potencial de referencia exterior e de prestixio internacional que a Galicia lle reporta a súa capital". Para o xefe do Executivo autonómico, ábrese "unha nova etapa da historia onde Santiago aparece coma un elemento de vertebración".

Apoio ao Xulgado
Na súa xuntanza, o alcalde e o presidente da Xunta abordaron outros temas de actualidade e de interese para Santiago. Un deles foi do Xulgado e do Rexistro do Mercantil, sobre o que houbo plena coincidencia. "A Xunta tomará tódalas iniciativas necesarias para conseguir este obxectivo e en breve agardamos noticias positivas". Neste sentido, anunciou que o día 14 o conselleiro da Presidencia, José Luís Méndez Romeu, se reunirá con ministro de Xustiza, Juan Fernando López Aguilar, para entregarlle toda documentación sobre este tema.

Outro dos anuncios foi a inminente sinatura dun convenio para a mellora das vías e travesías da cidade, que suporá un investimento de 14 millóns de euros, que permitirán "melloras significativas na rede viaria de Santiago". Ademais, seguen os traballos nas tres autovías en marcha "para que Santiago quede perfectamente articulado por estrada".

Entre as actuacións tamén figura a recentemente impulsada rede de transporte comarcal, a estación intermodal e as actuacións na rede de saneamento da cidade e do rural. O último dos compromisos anunciados foi a da dotación de parques e solos industriais. "Agardo que no primeiro semestre do ano que ven se poñan en marcha o parque empresarial da Sionlla e o parque tecnolóxico de San Marcos, agora en tramitación".

Pérez Touriño expresoulle todos estes compromisos a Sánchez Bugallo, con quen se reuniu no primeiro dos actos dunha visita institucional que tamén incluíu unha xuntanza cos voceiros dos tres grupos municipais. Trala saúda á corporación, a entrega dun obsequio institucional e da sinatura no Libro de Ouro da Cidade, ámbolos visitaron as obras do Parque de Belvís.

Compartir: