ALCALDÍA

O alcalde avanza uns orzamentos municipais "realistas, prudentes e sociais" para 2013

03/01/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou un avance dos orzamentos municipais 2013, que serán presentados nos vindeiros días e levados ao Pleno para a súa aprobación. Cunha previsión de 94,3 millóns de ingresos e 91 millóns de gastos, cualificou estes orzamentos como "realistas, prudentes e sociais". Increméntanse as partidas destinadas fomento do emprego, educación, promoción económica e servizos sociais, ademais dos investimentos reais.

Os orzamentos, segundo o alcalde, manteñen "o compromiso de estabilidade orzamentaria e teito de gasto". En canto ao incremento do capítulo de ingresos respecto a 2012, ata os 94,3 millóns de euros, xustificouno por tres factores: o incremento do recadado polo Imposto de Bens Inmobles (IBI), o maior cantidade pola participación en tributos do Estado e o incremento das transferencias recibidas.

No capítulo de gastos, salientou os 30 millóns de euros de gastos de persoal, os 34 millóns de gastos correntes e de servizos básicos, os 10 millóns para facer fronte aos intereses e capital das débedas financeiras ou os 7 millóns de euros para investimentos reais, duplicando neste caso a cantidade de 2012.

Así pois, presupóstase un superávit de algo máis de 3 millóns de euros, se ben a intención do Goberno municipal –anunciou o alcalde- é destinar boa parte desta cantidade a facer fronte aos 2,6 millóns de euros que o Concello debe abonar por sentenza xudicial en relación ao aproveitamento urbanístico da operación Peleteiro. Se o Goberno central autorizase esta actuación financeira, o superávit sería menor.

Máis para emprego, educación e servizos sociais
Ángel Currás destacou o incremento que se producirá en partidas como a de Educación (+6%), os servizos sociais (+10%) ou a promoción económica (+10%). Tamén medra a cantidade destinada ao fomento do emprego e garántese o mantemento da rede de servizos públicos.

No capítulo de investimentos, con algo máis de 7 millóns de euros previstos, as partidas máis importantes virán da programación do Urbana Santiago Norte, proxecto financiado con fondos FEDER. Aquí se inclúe o corredor verde entre Bonaval e A Almáciga (105.000 euros), a reurbanización da rúa da Caramoniña (522.000 euros) ou os accesos ás zonas altas da Almáciga (489.000 euros). Tamén no ámbito dos investimentos figuran 2,3 millóns de euros comprometidos pola extinguida Emuvissa no SUNP-11 do Castiñeiriño e no SUNP-5 da Muíña, ou os 394.000 euros para a ARI de Vista Alegre.

Hai que sumar tamén os 600.000 euros previstos para o rural no marco do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña ou 400.000 euros para alumeado e reparacións de pavimento en vieiros. As obras no parque de Ramírez e en San Pedro, xa incluídas nos orzamentos 2012, contan igualmente con partidas máis pequenas en 2013 de 177.000 e 87.000 euros, respectivamente.

Compromisos do Goberno autonómico
O alcalde aproveitou tamén a súa comparecencia para valorar os orzamentos da Xunta de Galicia no que atinxe a Compostela. Así, indicou que "se manteñen os compromisos con Santiago tanto a nivel de institucións como de equipamento". Recoñeceu a existencia dalgunha "actuación máis ralentizada", pero valorou o compromiso do Goberno autonómico coa súa realización final. Tal é o caso da Escola Oficial de Idiomas ou a variante de Aradas. En calquera caso, enmarcou estas contas nun "escenario económico especialmente complicado para todas as administracións públicas".

Pasando a analizar as distintas partidas, salientou a de 3,3 millóns de euros destinada á construción do centro de saúde de Galeras, os 1,2 millóns para o remate das obras do Mercado de Abastos, os 5,3 millóns da Cidade da Cultura ou os 2,3 millóns de euros no marco do Estatuto da Capitalidade. Tamén citou os 129.000 euros para o inicio do proxecto da Escola Oficial de Idiomas, os 100.000 euros para a variante de Aradas, a partida de 200.000 euros para reparacións en vivendas de protección públicas ou os 184.000 euros para o complexo hospitalario.

Consorcio e EDAR
Ángel Currás referiuse igualmente á partida de 2,3 millóns de euros para o Consorcio de Santiago, que permitirá afrontar, entre outras actuacións, as previstas na Catedral de Santiago ou no Pazo de Xelmírez, a recuperación da Capela do Cristo de Conxo ou a restauración de varias igrexas.

O Consorcio disporá dun orzamento de 8,8 millóns de euros, aos que sumar os 600.000 euros de remanentes do centro de rehabilitación de Pontepedriña, de xeito que as contas do órgano interadministrativo non estarán moi lonxe das de 2012, 9,8 millóns de euros. Neste sentido, aínda recoñecendo a redución progresiva dos últimos anos das achegas institucionais, lembrou que "o orzamento do Consorcio de Santiago cuadriplica o de calquera dos dous outros consorcios existentes, Toledo e Cuenca".

Tamén se referiu o rexedor municipal á futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, negando que non estea incluída nos orzamentos autonómicos. Así, apuntou que Augas de Galicia dispón dunha partida xenérica de 13 millóns de euros –ademais de remanentes- na que estaría incluída a cantidade destinada á de Santiago. Explicou que o organismo autónomo Augas de Galicia non ten a obriga de desglosar a súa partida, pero que a consignación concreta para a depuradora de Santiago se coñecerá cando se asine o convenio entre Concello, Xunta e AcuaNorte para impulsar esta infraestrutura. En calquera caso, reiterou que se manteñen os prazos previstos, coa intención de licitar a obra no primeiro semestre de 2013 e así comezar as obras neste mesmo exercicio, tal como esixen a programación dos fondos europeos que ten asignada esta infraestrutura.

Documentos relacionados



Compartir: