CENTROS SOCIOCULTURAIS

O novo equipamento de Santa Marta incorpórase á extensa Rede Municipal de Centros Socioculturais

28/12/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto co concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, inaugurou o Centro Sociocultural de Santa Marta. O acto serviu tamén para exhibir por primeira vez o lip dub do Nadal realizado nos centros socioculturais.

O novo Centro Sociocultural de Santa Marta nace coma un equipamento municipal de barrio proxectado a toda a cidade, para os veciños e veciñas de Santa Marta e para todos aqueles que queiran formar parte dunha programación sociocultural extensa e variada. Ao mesmo tempo, pretende ser un referente de cidade no eido das artes escénicas, da creación de públicos e da pedagoxía teatral.

Así, entre as súas instalacións, destaca a Sala Agustín Magán, situada na planta baixa. Este espazo ten capacidade para 156 espectadores e estará dedicado a actividades culturais e artísticas orientadas a todos os públicos: teatro, música, cine, danza, conferencias, presentacións de libros...

Ademais deste servizo, o CSC de Santa Marta ofrecerá información e orientación ao cidadán sobre servizos e actividades do centro, da Rede Municipal de Centros Socioculturais e doutras áreas municipais. Entre os seus espazos destaca tamén a Biblioteca José Saramago, aberta de martes a sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Situada no primeiro andar, ofrece servizos de información e referencia bibliográfica, préstamo e servizo de reserva, conexión á rede sen fíos, lectura en sala e formación de usuarios. Dispón de zona infantil e de adultos. Ademais, contará cunha programación de actividades fixas anuais e outras específicas de carácter cultural en torno ao libro e a animación á lectura.

Na planta baixa sitúase a aula de xogo, que funcionará de martes a sábado de 17:00 a 21:00 horas. Ofrece un servizo de información, atención ao público, tramitación do carné de socio, préstamo en sala de xoguetes e xogo libre, tanto presencial como dirixido.

O CSC tamén dispón dunha sala de novas tecnoloxías na planta baixa, aberta de 17:00 a 21:00 horas de martes a sábado e dotada de dez terminais informáticos. Os usuarios poderán participar aquí en actividades de dinamización dixital, así como monográficos e cursos relacionados coas TIC´s, e uso libre da aula.

As salas de uso polivalente, situadas no primeiro andar, están disponibles para cursos, seminarios, reunións de grupos, talleres, proxeccións. Unha das salas conta con cociña, polo que servirá para a realización de accións formativas e diferentes actividades en torno á gastronomía.

A todos estes espazos hai que sumar unha zona expositiva -inicialmente compartida coa zona de maiores-, un espazo común de encontro, unha sala de reunións, unha terraza preparada para actividades ao aire libre e a zona wifi en áreas habilitadas do equipamento

O Centro Sociocultural de Santa Marta (rúa Antonio Rama Seoane, 6) abrirá de martes a sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. O seu teléfono é o 981 543 017 e o seu número de fax o 981 543 018. Outra forma de contacto co centro será o correo electrónico: cscsantamarta@santiagodecompostela.gal. Ademais, pode consultarse toda a información sobre o CSC e a súa programación na web dos centros socioculturais: www.santiagosociocultural.org

Lib dub do Nadal
A inauguración do CSC de Santa Marta foi o evento escollido tamén para a estrea do lip dub do Nadal dos centros socioculturais. Nesta novidosa proposta, incluída no programa Vive o Nadal 2012, participaron activamente uns 800 veciños e veciñas de Santiago, entre eles o propio concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya.

Son protagonistas deste vídeo os usuarios e usuarias dos centros socioculturais das Fontiñas,Vite, Conxo, O Castiñeiriño, O Ensanche, Marrozos, A Gracia, Marantes, A Rocha, Laraño, Villestro e Figueiras. O vídeo musical serve como felicitación do Nadal e Aninovo, e tamén para difundir a ampla programación e os servizos que presta a Rede Municipal de Centros Socioculturais.

O CSC de Santa Marta foi precisamente a última localización da rodaxe e a que pechou o vídeo. Despois desta estrea estrea, o lip dub estará dispoñible nas webs do Concello de Santiago e dos Centros Socioculturais, Youtube e Vimeo.

Compostela Cine Classics
Amenizou musicalmente o acto de inaguración o coro vocal Compostela Cine Classics, que interpretou varios temas de bandas sonoras. Cómpre lembrar que este grupo foi creado expresamente para o programa Compostela Cine Classics, cuxa exitosa primeira edición se celebrou este 2012.

Compartir: