URBANISMO

San Lázaro contará con preto de 400 novas vivendas protexidas

19/05/2006 Santiago vai dispor de 390 vivendas protexidas na zona da Muíña, no entorno de San Lázaro, trala aprobación en Pleno Municipal extraordinario do Plan de sectorización desta área. Estas vivendas forman parte das promocións públicas aprobadas pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo(Emuvissa), que van supoñer a construción de 2.245 vivendas protexidas ata 2007.

A nova área residencial do SUNP-5 contará cunha superficie edificable de 49.000 metros cadrados, nos que se construirán unhas 390 vivendas, das cales unha parte servirán para realoxar aos afectados polas expropiacións. A zona disporá de case 30.000 metros cadrados destinados a dotacións, equipamentos e zonas verdes. Polo momento, os edificios non estarán conectados coa autopista, xa que o Ministerio de Fomento non autorizou a conexión, pero non se descarta esta posibilidade a medida que se constrúan as novas zonas residenciais do entorno. Para Sánchez Bugallo, "este polígono vai modificar totalmente o perfil da zona de entrada á cidade por San Lázaro".

Segundo apuntou o alcalde, "entre o 2006 e o 2007 construiranse en Santiago 3.600 vivendas, das que preto de 2.500 serán protexidas, incluídas as dos polígono número 13 promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo". Sánchez Bugallo expresou a súa confianza que as obras de todas elas estean aprobadas este mesmo ano e progresivamente se vaian adxudicando estes polígonos.

Roxos

Outro plan de sectorización aprobado na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación foi o do SUNP-25 de Roxos, preto do campo de fútbol de Villestro. Trátase de case 200.000 metros cadrados, nos que se construirán unhas 300 vivendas unifamiliares libres e algún equipamento terciario. Ademais, está contemplada a reserva de 3.000 metros cadrados para a ampliación das instalacións do Colexio de Roxos e unha ampla zona verde pública de bosque autóctono.

A redacción deste plan de sectorización obrigou a facer unha reserva ante a previsión do traslado do periférico, de xeito que este atravesaría o polígono.

Direccións relacionadas



Compartir: