REHABILITACIÓN

O Ministerio de Cultura confirma a concesión dun millón de euros para a recuperación e posta en valor da fortaleza da Rocha

28/12/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, informou en rolda de prensa da recepción da comunicación do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte pola que se concede ao Concello de Santiago a subvención nominativa de 1 millón de euros para o Proxecto de estudo, recuperación e posta en valor da fortaleza da Rocha. O proxecto deseña un programa de actuacións que permitirá descubrir o espazo intramuros da fortaleza e exhumar os sectores da muralla e liza que aínda se manteñen ocultos.

O programa inclúe ata 12 actuacións diferentes organizadas, en función dos seus obxectivos concretos, en cinco grandes bloques de traballo: traballos de acondicionamento previo; estudo, escavación e restauración; difusión e posta en valor; traballos gráficos; e coordinación. "Este programa responde a un proxecto modificado remitido ao Ministerio en outubro, co obxecto de adecuarse aos novos prazos, en tanto que o proxecto orixinal consideraba actuacións ao longo do presente ano 2012, que por razóns obvias, non puideron levarse a cabo", explicou María Pardo.

Tendo en conta a nova perspectiva en materia de prazos, este proxecto pretende, sen alterar o investimento de 1 millón de euros, a súa finalización antes de maio de 2013. "Trátase polo tanto dunha reprogramación dos tempos e, en consecuencia, das actuacións", indicou a concelleira, se ben agarda que se produza unha prórroga por parte do Ministerio.

Traballos de acondicionamento previo
En canto aos traballos de acondicionamento previo, investiranse 9.317 euros na roza da vexetación en toda a superficie do castelo, tanto no recinto intramuros coma no sector exterior xa escavado. A roza realizarase con medios manuais e control arqueolóxico.

Tamén se procederá, por 105.100 euros, á retirada da torre eléctrica existente no sector oeste do castelo, asentada sobre a antemuralla. A instalación non só está a deteriorar e desestabilizar as estruturas arqueolóxicas sobre as que se apoia, senón que, ademais, impide a escavación e restauración deste sector da liña defensiva (muralla, liza e barbacá), así como dos espazos intramuros inmediatos.

Os traballos previos completaranse co valado do xacemento, cun investimento de 10.300 euros. O peche -con módulos de valo metálico ou similar- abrangue todo o recinto intramuros e as liñas defensivas.

Estudo, escavación e restauración do xacemento
A parte máis importante do orzamento destinarase ao estudo, escavación e restauración. Así, contémplase un estudo complementario do xa realizado no que se revisarán, identificarán e recompilarán as fontes documentais relativas ao castelo e ao seu ámbito aínda non revisadas. Á elaboración deste documento destinaranse 21.780 euros.

O programa inclúe unha partida de 678.863 euros para a escavación arqueolóxica do castelo da Rocha. Os labores arqueolóxicos centráronse ata a data no estudo das liñas defensivas da fortaleza. Esta estratexia permitiu delimitar o recinto intramurallas da fortaleza, así como a estrutura e configuración das súas liñas defensivas.

O proxecto formula a escavación na área do recinto intramuros. A intervención permitirá descubrir e estudar a organización espacial e funcional deste sector do depósito. Ademais deste obxectivo prioritario, ao tempo que se avanza na escavación arqueolóxica, iranse organizando os percorridos e o discurso expositivo no interior do castelo.

Difusión e posta en valor
Co fin de difundir e por en valor o xacemento, está previsto un anteproxecto de acondicionamento do mesmo, valorado en 18.150 euros. En virtude dos prazos dispoñibles, agora óptase por priorizar os traballos de escavación e restauración do castelo esgotando, practicamente, o prazo total de execución do proxecto.

Pero formúlase a redacción dun anteproxecto que deseñe as futuras intervencións que, no seu día, permitirán acondicionar percorridos interiores e deseñar paneis explicativos no espazo intramuros, co fin de facilitar a apertura do recinto ao público.

Neste grupo de traballos tamén está previsto o deseño e instalación de paneis informativos exteriores (13.000 euros), a colocación do valado definitivo (30.000 euros), e a publicación dun libro (24.200 euros), que resumirá a historia do Castelo da Rocha e a súa transcendencia para a cidade de Santiago. Finalmente, está prevista a creación dunha páxina web para difusión do proxecto, cun orzamento de 30.000 euros.

Traballos gráficos e coordinación
O proxecto tamén contempla traballos de levantamento topográfico (2.242 euros) e fotografía aérea (2.242 euros), e a contratación dun coordinador que realice o seguimento e control de todos os traballos durante o período de execución do proxecto (54.450 euros).

Documentos relacionados



Compartir: