PLENO

O Pleno aproba inicialmente o novo regulamento da Policía Local

27/12/2012 O Pleno municipal, na súa sesión ordinaria do mes de decembro, aprobou inicialmente o novo regulamento da Policía Local. Ademais, deu o visto bo por unanimidade a tres modificacións urbanísticas.

O novo regulamento da Policía Local substituirá ao vixente actualmente, que data de 1990 . A proposta foi aprobada co voto favorable do grupo de Goberno, a abstención do BNG e o pronunciamento negativo do PSdeG-PSOE. Tras esta aprobación inicial e a súa conseguinte publicación, abrirase a fase de alegacións antes do visto bo definitivo.

En materia urbanística, aprobáronse por unanimidade tres puntos. O primeiro foi o relativo á modificación puntual do PXOM e do PE-1 na rúa de San Miguel dos Agros, número 5, co fin de proceder á desafección deste inmoble, unha vez que este non será xa destinado á ampliación do Museo das Peregrinacións. O segundo referíase á modificación puntual do Plan parcial do SUNP-22, no ámbito do quinteiro 16, en Castro de Abaixo, co fin de reordenar o vieiro e o espazo público e privado. Finalmente, ratificouse a ampliación de usos na reserva de equipamento SU-4 (Recinto Feiral de Amio). Súmanse así os usos socioculturais e deportivos aos xa permitidos neste espazo.

Compartir: