XUNTA DE GOBERNO

O Concello de Santiago seguirá contando cunha aula CeMIT no edificio Cersia

27/12/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a prórroga do protocolo de adhesión do Concello á Rede Cemit. Tamén adxudicou o contrato de instalación de cinemómetros-radar.

A prórroga da adhesión á Rede CeMIT, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, durante o exercicio 2013 supón o mantemento da aula tecnolóxica dispoñible no edificio Cersia. Ademais, prorrógase o contrato do axente TIC que se encarga deste Centro para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica.

Tráfico
En materia de Tráfico, adxudicouse o contrato de subministro e instalación de cinemómetros-radar no termo municipal de Santiago de Compostela, por un importe de 41.052 euros. Ademais, como consecuencia da baixa na adxudicación, destinaranse 10.000 euros á adquisición de dous alcoholímetros e un detector de drogas.

Tamén no ámbito de mesmo Departamento, adxudicouse o contrato de subministro de prendas para a Policía Local, por 28.000 euros, e deuse conta da contribución especial do Consorcio de Seguros Estatal, polo que se devolven ao Concello 237.000 euros, que deberán ser destinados ao servizo de extinción de incendios.

Turismo
A proposta da concelleira de Turismo, aprobouse unha operación de tesourería para a sociedade municipal INCOLSA, por importe de 439.000 euros, con vencemento o 31 de decembro de 2013.

Compartir: