DEPORTES

O mellor da natación galega reúnese no complexo deportivo de Santa Isabel

27/12/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o Campionato Galego Absoluto de Natación, que de celebrará os días 28, 29 e 30 de decembro na piscina de Santa Isabel. Máis de 300 nadadores e nadadoras de 24 clubs galegos participarán na competición.

Adrián Varela convidou os composteláns a contemplar esta competición, que reunirá en Santiago o mellor da natación galega actual. Na piscina de Santa Isabel estarán, entre outros, os olímpicos Javier Gómez Noya e Beatriz Gómez. A entrada é de balde.

O Campionato comezará na tarde do venres 28, para continuar, en xornadas de mañá e tarde, o sábado 29 e o domingo 30. Competirán 305 nadadores (144 homes e 161 mulleres) dos 24 clubs de natación máis importantes de Galicia.

A organización deste Campionato Galego Absoluto de Natación de inverno corre a cargo do Club de Natación Cidade de Santiago e a Federación Galega de Natación, coa colaboración do Concello, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego. En representación do club compostelán estiveron na rolda de prensa o seu presidente, Ángel Pasaretti, e o adestrador José Rioseco. Xunto a eles, Ramón Mosquera, secretario xeral da Federación Galega de Natación, quen destacou a calidade da piscina de 25 metros de Santa Isabel, tanto pola súa amplitude como polas súas características técnicas. De aí que, dixo, "cada ano se celebre en Santiago algún campionato galego".

Documentos relacionados



Compartir: