FESTAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

O alumeado de Nadal, tamén no rural

27/12/2012 Unha das novidades do Nadal 2012 en Compostela é que, por primeira vez, o alumeado chegou ás 21 parroquias do rural. Tamén este ano, o rural incorporouse aos programas de conciliación postos en marcha pola Concellería de Centros Socioculturais nestas datas.

Os motivos de Nadal colocáronse en puntos neurálxicos das parroquias, despois das consultas coas súas respectivas asociacións veciñais. A maioría delas escolleron as proximidades das igrexa para situar o alumeado. O concelleiro de Festas, Francisco Noya, visitou algunhas destas parroquias para inspeccionar a súa colocación e funcionamento.

Este Nadal, o alumeado adxudicouse por un importe de 43.247 euros (IVE incluído), un 30% menor ao de licitación (61.548 euros). Ademais, este orzamento de licitación era xa un 15% menor ao de 2011 e un 28% inferior ao de 2010.

Tamén en relación á programación destas datas, cómpre lembrar que os Campamentos Abertos de Nadal incorporaron por primeira vez, tal como xa sucedera no verán, as parroquias do rural. Así, ademais dos centros urbanos, teñen un programa de conciliación familiar e laboral os locais socioculturais de Nemenzo, A Gracia e Figueiras. Nos dous primeiros, a organización corresponde directamente ao Concello, mentres que no caso de Figueiras a organización corre a cargo da Asociación de Veciños Nova Xeira, tamén coa colaboración municipal.

Ademais, os centros socioculturais do rural participan da ampla lista de propostas de lecer do programa Vive o Nadal.

Compartir: