CULTURA

Berrogüetto chega coa súa "Xira de andar por casa" ao ciclo Íntimo&Acústico

26/12/2012 Berrogüetto chega ao Teatro Principal coa súa Xira de andar por casa dentro do ciclo Íntimo&Acústico. Será o xoves 27, a partir das 21:00 horas. Con este concerto ofrecen unha recreación semiacústica dos temas máis aclamados da súa discografía. Unha revisitación inzada de intimidade, optimismo, frescura nunha envoltura acústica que busca na audiencia unha sensación o máis próxima posible á que pode experimentar cando escoita música no salón da súa casa. As entradas, a 15 euros, poden mercarse na billeteira do propio teatro (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) ou no Restaurante O Dezaseis.

Con Glub, glub, Caramuxo teatro presenta o primeiro espectáculo de teatro para bebés realizado en Galicia. Unha montaxe para nenos de 6 meses a 3 anos acompañados por adultos. Glub, glub conta a historia da amizade entre un barquiño de papel afundido no fondo do mar e un peixe xoguetón. Unha montaxe chea de estímulos e cunha linguaxe sinxela, case xestual que introduce aos máis novos nunha aventura fantástica e sorprendente. Unha oportunidade para disfrutar cos fillos da primeira viaxe polo mundo do teatro.

¿Que pasa con todos eses zapatos que xa ninguén usa? Todos os días chegan a un recuncho dun agochado xardín fantásticas historias, as vivencias que traen consigo unha morea de zapatos de tódolos tamaños e cores. Unha rapaza é a encargada de coidalos, de darlles a benvida ao lugar onde vivirán para sempre, un lugar onde poder compartir emocións con esa bela bailarina, con Pequecho e os seus irmáns, cos namorados, co Sol e a Nube, con centos de compañeiros que teñen moito que contarnos. Zapatos narra todas esas historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono.

Comer é un pracer, mais antes hai que cociñar e escoller os mellores produtos: Porque as mazás poden ser verdes ou vermellas, as galletas grandes ou pequenas, os tomates da casa ou chegar do outro lado do mundo. ¡A min encántame o doce! ¡Pois eu prefiro o salgado! Ñam é un espectáculo envolvente creado a partir do mundo da cociña para ver, escoitar, ulir, sentir e saborear en familia. Polas características do espectáculo público e actores comparten o mesmo escenario.

Compartir: