PLENO

O Pleno municipal aproba as ordenanzas fiscais para o exercicio 2013

26/12/2012 Nunha sesión extraordinaria e unha vez estudadas as diferentes alegacións, o Pleno municipal aprobou definitivamente as ordenanzas municipais para 2013. Nesta convocatoria, tamén se procedeu á aceptación da cesión global do activo e pasivo de EMUVISSA.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, explicou que unicamente se aceptaron as alegacións que tiñan que ver con rectificación de erros e con algunha bonificación, rexeitándose aquelas relacionadas con tipos impositivos e beneficios fiscais. En relación aos tipos, a edil anunciou que o obxectivo do Goberno municipal é rebaixar o que grava o Imposto de Bens Inmobles cara o exercicio 2014.

Precisamente, o IBI é un dos impostos que contén unha das principais novidades para 2013, como é a posibilidade do fraccionamento do pago ata en tres prazos. Esta medida responde ao compromiso cos cidadáns de Santiago nestes momentos de crise económica, ao igual que a decisión de conxelar os tributos municipais cara o novo exercicio.

As ordenanzas fiscais para 2013 foron aprobadas co voto favorable do Grupo de Goberno e o pronunciamento negativo de PSdeG-PSOE e BNG.

EMUVISSA
Por outra parte, aprobouse, co voto a favor do Goberno e a abstención de PSdeG- PSOE e BNG, a aceptación da cesión global do activo e pasivo de EMUVISSA. En relación a esta mesma cuestión e por unanimidade, deuse o visto bo á integración do persoal da empresa municipal no Concello de Santiago.

Toma de posesión
Ao comezo desta sesión, xuraron o seu cargo e tomaron posesión como concelleiras polo grupo municipal socialista María de los Ángeles Gómez Bugallo e Rosario Valledor Puente.

Compartir: