NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concurso de Cartas aos Reis Magos xa ten os seus tres gañadores

21/12/2012 A Casa Real de Oriente e o Concello de Santiago acaban de seleccionar os premiados no concurso de cartas de reis. Son Lois Iglesias Míguez, dos Salgueiriños de Abaixo, na categoría de infantil; Iago Álvarez Neira, do Eixo, na categoría de primeiro ciclo de primaria; e Esther Saavedra Cereijo, da Virxe da Cerca, na categoría de segundo ciclo de primaria. Os tres poderán recoller os seus agasallos o día 5, das mans dos propios Reis Magos.

A convocatoria conxunta dun concurso de cartas de reis foi un éxito, segundo valoraron os representantes da Casa Real de Oriente e da Concelleira de Normalización Lingüística, encargados de organizar a actividade. Das case 600 misivas recibidas, practicamente todas estaban cheas de bos desexos. Os participantes piden aos Reis Magos que resolvan as necesidades que provoca a crise, que non haxa fame nin guerras, que ninguén sufra malos tratos..., mais tamén se preocupan polo medio ambiente, e polo idioma galego, para o que solicitaron a produción de todo tipo de materiais e soportes (cinema, xogos, libros...) e, sobre todo, a súa utilización na escola, na casa e nas actividades de lecer.

O xurado tivo un duro traballo para avaliar as cartas, non só polo seu número, senón tamén porque todos e todas se esforzaron moito en redactar os textos e no labor de decoralos e ilustralos. Por iso, tanto as concelleiras como os emisarios reais queren enviar os seus parabéns aos nenos e nenas que escribiron, desexarlles que todos os seus pedimentos queden satisfeitos e lembrarlles que axiña recibirán unha carta de contestación dos propios Reis no seu enderezo.

Por outra parte, o xurado tamén agradece o labor das nais e pais e do profesorado que se implicaron e colaboraron coa actividade, e fai unha mención especial ao Colexio Manuel Peleteiro, que destacou pola súa participación.

Compartir: