CENTROS SOCIOCULTURAIS

Seguen os obradoiros para bebés dentro do programa Vive o Nadal 2012

21/12/2012 A Concellaría de Centros Socioculturais amosase moi satisfeita pola boa acollida e o desenvolvemento dos obradoiros para bebés do programa Medrar en familia, que se están a desenvolver no marco do programa Vive o Nadal 2012. Na última sesión, celebrada o xoves 20, nenos e nenas de 12 a 36 meses e os seus pais participaron nunha estimulante actividade creativa na que descubriron o sabor das cores e a textura das pinturas.

Os próximos obradoiros Mama, papá, ¿a que saben as cores? serán os días 2 de xaneiro, ás 18:00 horas, para bebés de 12 a 36 meses, e o 3 de xaneiro, ás 11:00 horas, Mama, papá ¿que fago coas mans?, para bebés de 6 a 24 meses. Realizaranse na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras 3). É imprescindible anotarse antes para participar.

A estimulación dos bebés é moi importante para o seu desenvolvemento, e os pais deben ocuparse de proporcionarlle actividades que estimulen os seus sentidos dende o seu nacemento. Con este fin naceu o proxecto Medrar en familia, unha novedosa actividade que este Nadal continúa ofrecendo obradoiros para bebés dende os 6 meses nos que axudan aos pais a buscar alternativas divertidas para xogar en familia.

Baile e música co grupo Pesdelán
O xoves 27 de decembro, ás 18:30 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas, haberá un espectáculo musical para público familiar. O grupo Pesdelán ofrecerá unha sesión baixo o título Na punta do pé. A entrada é de balde ata completar o aforo do salón do centro.

Maxia e teatro
Ademais, o grupo A Illa dos Nenos representa o seu espectáculo A maxia dos sonos. Será o venres 28 de decembro, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. A entrada é tamén gratuíta ata completar o aforo.

Compartir: