XUVENTUDE

Ocean’s Garden, Caxade e Los Septiembre, gañadores da quinta edición de MúsicaXove

21/12/2012 Celebrouse na Sala Capitol o concerto final da quinta edición do certame MúsicaXove, organizado pola Concellaría de Xuventude. Uns 200 espectadores asistiron a esta actuación, tras a cal o xurado elixiu aos tres gañadores: Ocean’s Garden, Caxade e Los Septiembre.

Ocean’s Garden (Lugo) fíxose co primeiro premio na categoría de metal, e para eles foron os 1.000 euros. Segundo, con 300 euros, quedou o grupo Anterga (A Coruña). Na modalidade de pop-rock, os triunfadores foron Los Septiembre (Vigo), mentres que o segundo premio recaeu en Álex Casanova (Vilagarcía). Finalmente, na categoría doutras músicas, gañou Caxade (Ames), con Tuti Fresh (Santiago) en segundo lugar. Estes últimos obtiveron tamén o premio do público, valorado en 250 euros.

Proximamente efectuarase a gravación dun disco conxunto de todos os grupos finalistas do certame MúsicaXove’12.

Neste concerto, os sete finalistas tocaron en directo os dous temas presentados na maqueta e dous temas a maiores de elección libre. Os elixidos para esta final saíran de entre as 45 propostas iniciais de toda Galicia presentadas ao certame: 27 bandas de pop-rock, 8 de metal e 10 doutras músicas.

O xurado estaba composto polo concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, en calidade de presidente; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical Martín Calviño; o promotor musical Farruco Castromán, o músico é técnico responsable dos Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela, Jesús Magaña; e como secretario o xefe do Departamento de Xuventude, Enrique Vázquez.

Compartir: