EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música celebra o seu tradicional festival de Nadal

20/12/2012 O venres 21 de decembro, ás 19:00 horas, o Teatro Principal acollerá o Festival de Nadal que tradicionalmente organiza nesta datas a Escola Municipal de Música, iniciativa que ven a sumarse a ampla programación cultural e educativa da nosa cidade durante o Nadal.

Neste festival, todas as agrupacións e colectivos da Escola darán a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses. Participarán máis de 350 alumnos e alumnas, acompañados do profesorado e das súas familias.

O festival contará con dúas sesións. Na primeira, ás 19:00 horas, intervirán os grupos de Música e Movemento, compostos polos nenos e nenas da Escola con idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos, que interpretarán, entre outras pezas, panxoliñas tradicionais e cancións do mundo. Na segunda sesión, ás 20:00 horas, actuarán as diferentes agrupacións da EMM: Coro Infantil, Coro Xuvenil e de Adultos, Orquestra de Corda, Agrupación Tradicional e a Banda, que interpretarán pezas variadas de cantos de Nadal.

Audicións
Ademais, ao longo das últimas semanas, viñeron celebrándose no salón de actos da Escola Municipal de Música as audicións trimestrais do alumnado, tanto do Plan Educativo para Adultos (PEPA) como do Plan de Estudos Xeral (PEX).

Na actualidade, a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 350 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos; e 18 profesores e profesoras que imparten 18 especialidades instrumentais. Cómpre salientar os 43 alumnos de violín, os 36 de piano, os 21 de clarinete, os 20 de percusión ou os 15 de saxofón, por citar algúns dos instrumentos de maior demanda.

Compartir: