XUNTA DE GOBERNO

Actualizadas as tarifas dos estacionamentos de Xoán XXIII e Belvís

20/12/2012 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou a actualización das tarifas dos estacionamentos de Belvís e de Xoán XXIII. Ademais, deuse conta da resolución da convocatoria de cheques de consultoría posta en marcha pola Concellería de Comercio no marco do programa Urbana Santiago Norte.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, as tarifas dos aparcadoiro municipal de Belvís e do estacionamento vixiado de Xoán XXIII increméntanse nun 0,96%, resultado de aplicar a suba do IPC interanual. As novas tarifas entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2013.

No caso da dársena de autobuses de Xoán XXIII e dos estacionamentos de bordo de Santa Marta e Salgueiriños, non hai variación nas tarifas.

Comercio
Nesta sesión tamén se deu conta da resolución da convocatoria para a solicitude de cheques de consultoría para reforma de locais e implantación de TICS no marco do programa Urbana Santiago Norte. A iniciativa ofrecía 21 cheques para reforma de locais e 20 para a implantación de novas tecnoloxías, cun orzamento total de 17.000 euros.

Finalmente, foron 12 empresas as que realizaron solicitude, unha para reforma de local e 11 tanto para implantación de TICS como para reforma de local. A Concellería de Comercio estudará a posibilidade de abrir unha nova convocatoria.

Deportes e Urbanismo
En Deportes, aprobouse a colaboración do Concello na campaña benéfica "Operación quilo: un quilo, un sorriso", coa cesión de uso do pavillón municipal de Fontiñas para o torneo de fútbol sala previsto.

Ademais, a proposta da concelleira de Urbanismo, autorizouse ao club Santiago Futsal a manter o anuncio promocional do túnel que dá acceso ao Multiusos Fontes de Sar ata o 30 de xuño de 2013, coa condición de que sexa borrado unha vez remate a vixencia da autorización.

Benestar Social e Emprego
Na sesión da Xunta de Goberno tamén se deu conta da concesión dunha subvención pola Deputación Provincial da Coruña para o desenvolvemento do programa "Creando en Igualdade"., por importe de 31.165 euros. Tamén se comunicou a concesión doutra axuda do mesmo organismo para a erradicación do chabolismo, por 30.000 euros. Finalmente, na área de Emprego, deuse conta dunha subvención da Xunta para dous axentes de emprego, por importe de 22.552 euros.

Compartir: