MEDIO AMBIENTE

"A Fábrica de Agasallos" inculca a conciencia medioambiental nos nenos a través de 14 obradoiros de Nadal na Alameda

20/12/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, presentou o programa A fábrica de agasallos. Nadal en verde na Alameda. Trátase de 14 obradoiros, a celebrar no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda (antiga churrería) nos que se busca fomentar o consumo responsable e estimular a expresión creadora dos nenos.

Os 14 obradoiros celebraranse en horario de 11:30 a 14:00 horas, os días 21, 26, 27 e 28 de decembro, e de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas nas xornadas do 22, 23, 24, 29 e 30 de decembro. Ata 50 rapaces, de entre 5 e 12 anos, poderán participar en cada un dos obradoiros.

María Castelao agarda que a presenza da pista de xeo tamén na Alameda contribúa a traer máis rapaces a estes obradoiros, que serán unha boa actividade de conciliación laboral e familiar para estas datas de Nadal. Nos talleres, os pequenos farán diversas actividades, partindo a maior parte delas de materiais de refugallo.

Realizaranse os seguintes obradoiros: decoración de bolsas e mochilas de algodón, axóuxeres de Nadal (con palla, cascabeis, lazo e abelorios), móbil decorativo "A espiral xiratoria", tarxeta balancín (postal empregando retais con diferentes texturas), faroliños de Nadal (reciclando botes de vidro), a flor-lupa "O mundo a cores" (con pratos de cartón), tapiz con motivos naturais (con retais e feltro), combas (con botes), mini-árbores de Nadal con piñas, lapiseiros de cartón, decoración de Nadal, bonequiños dos desexos (cunha variña de pau para decorar as plantas ou poñer ao pé da árbore de Nadal) e elaboración de broches de Nadal.

Estes obradoiros complementaranse con empaquetado de agasallos e a escritura de postais de felicitación para incluír nos mesmos. Ademais, os participantes poderán colocar nun panel de cortiza os seus desexos de Nadal, conformando un gran colaxe de desexos positivos para estas datas.

Documentos relacionados



Compartir: