CULTURA

O Concello de Santiago e Caixa Galicia colaboran na programación cultural da cidade

19/05/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entra o Concello de Santiago e a Fundación Caixa Galicia para a realización de diferentes actividades culturais na capital galega. Este acordo renova a frutífera colaboración que ambas entidades veñen mantendo nos últimos anos e supón para Santiago unha importante axenda de actividades culturais para o presente ano.

A Fundación Caixa Galicia achega 510.000 euros para o desenvolvemento da programación cultural da cidade. Destas actividades, unha parte serán organizadas e realizadas polo Concello e outras pola propia Fundación Caixa Galicia. A programación a desenvolver no marco do presente convenio comprende as máis diversas áreas culturais cubrindo un amplo abano de gustos e preferencias dos cidadáns.

Entre estas actividades cómpre subliñar o ciclo Sons da diversidade, que contará cunha achega de 90.000 euros. Outras propostas musicais son o Festival de jazz, o Ciclo de zarzuela, o festival Músicas do mundo durante as Festas do Apóstolo, o Festival de bandas, as Voces consoantes e o espectáculo musical As Dúas Beiras.

O convenio tamén contempla a representación en Santiago de varias obras teatrais, o festival cinematográfico Curtocircuíto 2006 ou a exposición da Sociedade Económica Amigos do País. O capítulo de espectáculos compleméntase con outro tipo de actividades, como a publicación do libro Caaveiro, as actividades nos centros socioculturais de Santiago ou o apoio á Rede de Cooperación Local.

No acto de sinatura do convenio, Sánchez Bugallo reiterou o agradecemento á entidade, habitual colaboradora do Concello e un dos piares sobre o que se asenta a recoñecida calidade da programación cultural de que goza a capital de Galicia. Pola súa banda, José Luis Méndez amosouse moi satisfeito de poder rubricar un convenio que permite renovar a colaboración entre ambas entidades e que "se prolonga no tempo desde hai moitos anos, ratificando o noso compromiso coa cultura galega e coa cidade de Santiago".

Compartir: