FESTAS

Compostela xa loce o seu alumeado de Nadal

18/12/2012 Tal como anunciara o concelleiro de Festas, Francisco Noya, o acendido do alumeado de Nadal adiantouse tres días respecto do día inicialmente previsto, o 21 de decembro. Este ano, a iluminación navideña chega a máis rúas e prazas, e tamén ás parroquias do rural.

O alumeado deste Nadal ten un custo de 43.247 euros (IVE incluído), un importe un 30% menor ao de inicial de licitación (61.548 euros). Ademais, este orzamento de licitación era xa un 15 por cento menor ao de 2011 e un 28% inferior ao de 2010.

A empresa adxudicataria, ademais das melloras esixidas no prego de condicións, ofreceu outras, o que permitiu que este ano o alumeado de Nadal chegue a máis puntos do municipio. Así, haberá 72 arcos luminosos a maiores, dos que 21 estarán instalados nas parroquias do rural. A isto hai que sumar a iluminación dos troncos das árbores da Alameda, dos troncos das palmeiras da rúa da Senra e de catro glorietas; dous conos de 20 metros na praza Roxa e na praza de Galicia; un cono na praza da Quintana e o alumeado do Pazo de Raxoi.

Cómpre lembrar tamén a dous colectivos da cidade que iluminan as súas rúas. Trátase, por un lado, de 25 comerciantes e hostaleiros das rúas e prazas da Troia, San Martiño Pinario, San Miguel e Porta da Pena e, por outro, da Asociación Esperta Conxo, que se encargan de iluminar as rúas de Sánchez Freire e de García Prieto e a avenida de Vilagarcía. O Concello colabora con esta iniciativa facéndose cargo do subministro e coa iluminación da praza da Merced e da árbore de Costa Vella. Tamén o Mercado de Abastos ten a súa propia iluminación.

Compartir: