CENTROS SOCIOCULTURAIS

Uns 800 composteláns participaron na rodaxe do lip dub de Nadal

18/12/2012 Conta atrás para a estrea do lip dub do Nadal dos centros socioculturais, unha vez rematada a súa rodaxe. Nesta novidosa proposta, incluída no programa Vive o Nadal 2012, participaron activamente aproximadamente 800 veciños e veciñas de Santiago, entre eles o propio concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya.

Son protagonistas deste vídeo os usuarios e usuarias dos centros socioculturais das Fontiñas,Vite, Conxo, O Castiñeiriño, O Ensanche, Marrozos, A Gracia, Marantes, A Rocha, Laraño, Villestro e Figueiras. O vídeo musical, que servirá como felicitación do Nadal e Aninovo, entra agora na fase de montaxe.

O lip dub estrearase o venres 28 de decembro no acto inaugural do novo centro sociocultural de Santa Marta. Foi precisamente esta localización a última da rodaxe e a que pechará o vídeo, ao ser tamén o último en inaugurarse da extensa rede municipal sociocultural.

Despois da súa estrea, o lip dub estará dispoñible nas webs do Concello de Santiago e dos Centros Socioculturais, Youtube, Vimeo e Facebook. O vídeo musical pretende servir para a difusión da ampla programación e dos servizos que presta a rede sociocultural municipal.

Compartir: