DEPORTES

Xornadas no Restollal para promover a práctica da ximnasia rítmica

18/12/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o I Campus de Nadal Rítmica Compostela, que se celebrará durante as mañás dos días 26, 27 e 28 de decembro no pavillón do Restollal. Estas xornadas, organizadas polo Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela, pretenden promover a práctica deste deporte na cidade.

Adrián Varela enmarcou a colaboración do Concello con este Campus no esforzo municipal por fomentar o deporte feminino, do que dan conta outras iniciativas, como o II Campus Vero Boquete, tamén a celebrar neste Nadal. Animou as familias a achegarse ata o pavillón do Restollal para que pequenos e pequenas (aínda que é un deporte maioritariamente feminino, tamén está aberto aos nenos) poidan coñecer esta disciplina.

O Campus, dirixido a nenos e nenas a partir dos 5 anos de idade, celebrarase en horario de 10:00 a 14:00 horas, con servizo de gardería dende as 9:00 horas. Segundo explicou a responsable do Campus e directora deportiva do C. D. Ximnasia Rítmica Compostela, María Fernández, haberá visitas de ximnastas e presenza de tres adestradoras de nivel nacional. Ademais, especialistas impartirán clases de ballet e de ximnasia estética de grupo.

Para as máis pequenas, tamén se prepararon talleres de pintura e decoración, co fin de deseñar os maillots cos que participarán nas competicións escolares previstas para os meses de maio e xuño.

Este martes 27 quedou aberto o prazo de inscrición para todos os socios do Club. Para os non socios, a inscrición ábrese o mércores 28. As prazas son limitadas, polo que os interesados deben enviar os seus datos á seguinte dirección de correo electrónico: campusritmicacompostela@gmail.com. Ademais dos datos persoais e de contacto, haberá que indicar o nivel de ximnasia (iniciación, perfeccionamento e competición).

O Campus ten un prezo de 40 euros para os socios do Club e de 45 euros para os non socios. O servizo de gardería custará 5 euros.

Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela
O Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela nace en 2011 co obxectivo de difundir o deporte da ximnasia rítmica en Santiago. A entidade realiza as súas actividades no pavillón do Restollal, no Instituto de Sigüeiro (Oroso) e no Squash Santiago, no Milladoiro.

Está orientado a nenos e nenas que queiran iniciarse ou progresar na práctica da ximnasia rítmica, e ten abertas as portas a calquera ximnasta que desexe incorporarse á práctica desta disciplina deportiva. Na actualidade, o Club conta xa con 140 asociadas.

Campus de deportes para a Semana Santa
Esta é a segunda actividade de conciliación patrocinada polo Departamento de Deportes neste Nadal, xunto co II Campus Vero Boquete. Para as vindeiras vacacións escolares, en Semana Santa, o concelleiro anunciou a celebración dun campus deportivo, no que se intentará dar cabida a varias disciplinas, especialmente aquelas minoritarias. Desenvolverase en dúas ou tres instalacións da cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: