ECONOMÍA

ADNteen fomentará o espírito emprendedor entre os mozos de 12 a 14 anos

18/12/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis, e a presidenta de ADNideas, María Bobillo, presentaron ADNteen, un programa de fomento da cultura emprendedora entre os estudantes do Ensino Secundario, de 12, 13 e 14 anos. Trátase dun programa pioneiro en Galicia, organizado por ADNideas e coa colaboración do Concello a través do programa municipal Santiago Investors Support. Celebrarase os días 26, 27 e 28 de decembro no edificio Cersia.

Os obxectivos de ADNteen son: sensibilizar aos mozos sobre a importancia dunha actitude emprendedora no desempeño de calquera iniciativa, facelos reflexionar sobre as consideracións necesarias para o desenvolvemento dun pequeno plan de empresa e desenvolver competencias emprendedoras como o traballo en equipo, a iniciativa empresarial, a comunicación interpersoal e a xestión da diversidade. Segundo a presidenta de ADNideas, preténdese tamén que os mozos e mozas vexan no emprendemento "unha saída á crise".

O programa inclúe múltiples e diversas actividades co obxecto de fomentar valores como o traballo en equipo, o liderado, a capacidade de comunicación ou a capacidade de resolución de problemas. Inclúe sesións de teambuilding, introdución ao emprendemento, creación de valor, técnicas de presentación, marketing, creatividade, introdución ás finanzas e actividades outdoor.

Todo o programa, que a concelleira definiu como un "campamento de emprendedores", desenvolverase cun espírito aberto e lúdico, para que os mozos podan ir descubrindo as súas capacidades emprendedoras ao mesmo tempo que se divirten. O programa pode ter ata 25 participantes. As inscricións poden facerse a través da páxina web www.adnideas.com.

Documentos relacionados



Compartir: